22 agosto, 2024
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, realizará unha entrevista telemática co medio estadounidense, e recibirá, entre outras citas, a delegación de sete traballadores públicos do concello de Suncheon (Corea do Sur) que queren afondar nos avances en mobilidade peonil
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta da Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora. Alén dos asuntos tratados na orde do día, o rexedor quixo poñer sobre a mesa as últimas peticións de entrevistas e visitas para coñecer e fondar no modelo de cidade.
Unha destas peticións foi realizada pola xornalista neoiorquina Tanya Mohn, que escribe para o diario The New York Times, coñecido por ser unha das publicacións con maior prestixio mundial dentro da prensa escrita e dixital. Tal e como explicou na súa solicitude, a entrevista formará parte dun artigo vinculaco coa conferencia ‘Climate Forward’ que acontecerá a finais de setembro, tendo como temática o eslogan ‘Afrontar a nosa nova realidade’. O alcalde realizará a video conferencia o
vindeiro 3 de setembro.
Doutra banda, dentro destas peticións de entrevistas telemáticas, tamén se sitúa a que o alcalde realizará hoxe mesmo co seu homólogo na cidade de Sabaneta (Colombia), Alder Cruz. «É unha cidade dunha poboación próxima á de Pontevedra», explicou. «Acaba de gañar as eleccións hai pouco tempo e quere coñecer Pontevedra. Virá en outubro até aquí, no marco dun congreso deportivo, pero quere xa coñecer distintos elementos da cidade antes de vir».
Xa de xeito presencial, chegará até a cidade a produtora alemá Sagafilmworks, que está a traballar nunha reportaxe para a televisión pública alemá na que procura comprobar as vantaxe de eliminar os tráficos innecesarios de vehículos nas cidades.
Por último, desde Corea do Sur viaxará unha delegación da cidade de Suncheon, coñecida como a capital ecolóxica deste país. Trátase dunha vila con case 300.000 habitantes e os seus representantes buscarán aprender sobre as políticas que promoven o transporte público e o establecemento de infraestruturas bicicletas e peóns. Un total de 7 empregados do Concello de Suncheon virán até Pontevedra o 3 de setembro.
Alerta