Todo listo para a gala #premiosmulleresnofoco

Compartir

A cerimonia, na que a Deputación e CIMA darán a coñecer o nome das tres gañadoras, celebrarase o xoves 23 no Auditorio Centro Social A Fundación en Vigo

Carmela Silva defendeu a importancia de reivindicar o papel das mulleres no sector audiovisual e facer un recoñecemento “ao seu traballo, potencial e talento”

 

A Deputación de Pontevedra renderá homenaxe ao traballo das mulleres do sector audiovisual galego cunha gran gala “ao máis puro estilo cinematográfico”, que se celebrará o próximo xoves, 23 de setembro, no Auditorio Centro Social A Fundación de Vigo ás 19.00 horas. A presidenta provincial, Carmela Silva sinalou hoxe na presentación do evento que “vai sorprender cunha montaxe moi potente, como se merecen as mulleres, e que porá en valor o seu traballo no audiovisual para facelas entrar no plano e acabar así coa súa invisibilización”. Na cita farase entrega dos tres premios do primeiro certame #Mulleresnofoco, organizado pola institución provincial da man de CIMA (Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais) que serán desvelados no transcurso da Gala.

Os premios #Mulleresnofoco contaron cun total de 14 candidaturas das que 3 foron as seleccionadas nun proceso participativo no que interveu tanto o xurado como entidades locais, culturais e profesionais ligadas co audiovisual galego. Os nomes das gañadoras coñeceranse na cerimonia e cada unha delas recibirá un premio de 3.000 euros, así como unha creación “moi especial, vangardista e sorprendente” da artista plástica Pilar Alonso. O resto das candidatas recibirán unha menina, o símbolo de igualdade do ente provincial.

 

A gala estará conducida polas actrices Neves Rodríguez, Mela Casal e Sheyla Fariña e contará tamén coa presencia de Chelo Loureiro, membro da xunta directiva de CIMA, á que a presidenta provincial fixo un “gran recoñecemento”. Ademais, na cerimonia farase fincapé na importancia das mulleres no sector coa proxección de dúas pezas audiovisuais, unha delas con fragmentos de filmes de directoras galegas e outra na que intervirán as nomeadas “falando dun xeito moi reivindicativo -pero con humor- de todos os procesos e os atrancos que viven no exercicio da súa profesión”.

 

Carmela Silva recordou as “porcentaxes intolerables de mulleres na cadea do audiovisual, onde hai unha porcentaxe baixísima de guionistas, iluminadoras, directoras e de todo o que ten que ver co entramado do cinema”. Por elo, as reivindicacións faranse tamén dende as butacas xa que se lle entregará ao público un abanico conmemorativo de cor vermella co que, seguindo a estela do movemento #Metoo que xa chegou a outras galas cinematográficas, quedará claro que “por máis que nos queiran ocultar, hai mulleres e moi potentes”, sentenciou a presidenta.

 

Ademais, a gala contará cun photocall e coa actuación musical de Guadi Galego. A artista é, en palabras de Carmela Silva, “ unha das mulleres que da pulo á música en Galicia e que esta a ocupar espazo e a acadar o recoñecemento que se merece”.