Tomiño mellora a eficiencia enerxética do edificio do mercado de Goián cun investimento superior aos 300.000 euros

Compartir

O Concello de Tomiño está a desenvolver a rehabilitación enerxética do EDIFICIO USOS MÚLTIPLES e MERCADO DE GOIÁN (o segundo núcleo urbano do municipio), grazas a unha axuda do IDAE (Instituto de Diversificación e Aforro Enerxético) por importe de 254.567,21 euros cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa Operativo de Crecemento Sustentable 2014-2020, dentro do Obxectivo Temático 4 – Economía Baixa en Carbono. Trátase dunha subvención a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sustentable 2014-2020.

Os obxectivos específicos nos que se enmarca a operación son os de eficiencia enerxética na edificación e nas infraestruturas e servizos públicos. Así, as actuacións que se están levando a cabo inclúen a rehabilitación enerxética da fachada do edificio cun sistema de illamento exterior, reforma da terraza e renovación da cuberta cun sistema de bandexas perfiladas de aluminio e instalación de nova carpintaría de aluminio ao exterior da existente con triplo acristalamento e marco de aluminio de cinco cámaras. O edificio obxecto deste proxecto está incluído no Catálogo de Patrimonio do Concello con protección ambiental, polo que calquera actuación que se realice, necesita autorización da Consellería de Patrimonio.

O edificio foi construído no ano 1950 e o seu principal problema atopábase na ausencia de illamento térmico en toda a envolvente, o que provocaba un elevado consumo enerxético para acondicionar o interior, tanto en inverno, como en verán, producíndose grandes perdas de enerxía. Calcúlase que con esta actuación, as emisións de CO2 diminuirán de 47,0 kg de CO2/m2 ano a 21,6 kg (máis da metade) CO2/m2 ano, pasando dunha cualificación enerxética E a unha C.

Existían ademais patoloxías de condensación na envolvente térmica e deficiencias de filtración a través de parámetros verticais e no encontro dous torreóns.

O orzamento total das obras ascende a 318.209,02 euros, cubríndose o 80% do custe cos 254.567,21 euros achegados polo IDAE, e o resto, con fondos municipais.