A Concellería de Mocidade do Concello de Tomiño organiza novas actividades e cursos para a tempada de outono-inverno, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX).
Fátima Rodríguez, responsable da área, explicou que a programación das diferentes actividades está baseada nas demandas das propias persoas usuarias (de entre 12 e 35 anos). “Queremos que os intereses dos usuarios e usuarias se vexan representados á hora de facer a programación”, aclara. De alí que a mesma inclúa cursos tan novidosos coma os de astronomía, xogos medievais, técnicas de estudo con novos horarios, e idiomas non maioritarios coma o ruso ou o chinés.
A concelleira anima á poboación moza do concello a participar nas distintas actividades, subvencionadas ou de balde, convidándoa a consultar toda a información sobre as actividades e tamén os formularios de inscrición na páxina Web do Concello (www.tomino.gal).
CURSO de ASTRONOMÍA
O curso ten unha parte online e outra presencial.
CONTIDO DO CURSO:
– O sistema solar. As galaxias.
– Observación astronómica. O ceo a simple vista.
– Instrumentación astronómica: tipos de telescopios; prismáticos oculares e accesorios.
Observación con telescopios.
– O planisferio e o seu uso.
– As constelacións.
– Choiva de estrelas e cometas.
– Os eclipses. O sol.
– Aplicacións celestes.
– Manexo do Stellarium.
– Noite de estrelas: sesión práctica dos contidos teóricos traballados.
DATAS E DURACIÓN: do 25 ao 29 de outubro. 10 horas en total.
HORARIO: online, de luns a xoves de 19.00 a 21.00h. Presencial, venres de 21.00 a 23.00h (duración 10 horas).
PREZO: 15 euros.
CURSO SABIOS, XOGOS E XOGRARES: xogos medievais para tempo actuais
A actividade consiste nunha amena presentación da obra lúdica de Afonso X, de xeito que os participantes poidan coñecer de maneira práctica o legado do Rei Sabio no seu “Libro dos Xogos: Xadrez, Dados e Táboas”.
O cerne da actividade é unha achega a xogos hoxe en desuso, que nalgúns casos deron lugar a variantes de xogos hoxe ben coñecidos, coma os alquerques, o xadrez e as táboas dos catro tempos. Haberá dispoñibles máis de trinta taboleiros que permiten xogar a 2 ou 4 persoas simultaneamente.
No caso de haber quórum e dispoñibilidade física, existe a posibilidade de celebrar algúns destes xogos en vivo.
Esta actividade está organizada polo programa de normalización lingüística da Xunta de Galicia co que colabora a OMIX TOMIÑO.
DATA E LUGAR: sábado 30 de outubro, na Escola Obradoiro de Goián.
HORARIO: de 11.30 a 13.00h
PREZO: GRATIS
CURSO DE TÉCNICAS DE ESTUDO
Dirixido a alumnado de ESO, bacharelato, ciclos formativos, universidade, persoas opositoras e profesionais que desexen aprender a estudar dun xeito eficaz.
Ten como obxectivo principal a adquisición dunha serie de habilidades, técnicas e hábitos de estudo que permitan acadar mellores resultados, desfrutar aprendendo e economizar tempo para outras actividades.
CONTIDO DO CURSO:
– Fixación de metas ou obxectivos.
– Preparación persoal e ambiental para o estudo.
– Organización e planificación do tempo de estudo.
– Técnicas de memoria.
– Probas de auto avaliación e exames.
– Autoestima e motivación.
DATAS e DURACIÓN: do 13 de outubro ao 10 de novembro (agás o festivo do 1 de novembro). 30 horas en total.
HORARIO: de luns a venres de 19.00 a 20.30h
PREZO: 15 euros.
CURSO CHINÉS
Este curso de Chinés ofrece unha formación básica da lingua que capacitará ao alumnado para desenvolverse en situacións cotiás. Ademais, as persoas asistentes adquirirán a base inicial do idioma, reforzando e ampliando os coñecementos adquiridos no nivel anterior.
NIVEL: Chino A2.2
DATAS e DURACIÓN: do 8 de novembro 2021 ao 20 de xuño 2022. Duración 45 horas en total.
HORARIO: luns de 20.00 a 21.30h
PREZO: 15 €
CURSO RUSO
Programa intensivo de formación a cargo dunha docente nativa, Nina Yarovenko, que prepara aos participantes para a obtención do nivel A1 de ruso, no marco europeo de referenza para as linguas (MCERL).
NIVEL: A1
DATAS E DURACIÓN: do 8 de novembro do 2021 ao 21 de febreiro do 2022. Primeira parte: 30 horas en total.
HORARIO: luns de 19.00 a 21.00h
PREZO: 10 €