Tomiño recibirá da Deputación máis dun millón de euros para a construción do edificio “Espazo Isaura Gómez”

Compartir
Infografía biblioteca. Fonte: Concello

A obra, cuxo custe total ronda os 2 millóns, albergará a futura Biblioteca Municipal e outras dependencias de carácter cultural e administrativo.

 

A Deputación de Pontevedra vén de confirmar unha subvención de 1.108.423,05 € dentro do Plan REACPON, para a construción do edificio “Espazo Isaura Gómez”, que albergará a futura biblioteca municipal e outras dependencias de carácter cultural e administrativo.

O “Espazo Isaura Gómez” foi deseñado polo Estudio “XL arquitectos” e ten un orzamento xeral que rolda os 2 millóns de euros, polo que o Concello terá que facer fronte ao proxecto tamén con fondos propios, conseguidos a través dun préstamo, despois de solicitar sen éxito axuda á Xunta en reiteradas ocasións.

O edificio, que estará situado en pleno núcleo urbano do Seixo, (rúa Colón, 4), a carón do Mercado Municipal, contará con catro andares ademais dun soto que albergará o arquivo municipal, o fondo bibliográfico e outras dependencias. Será, polo tanto, un edificio multiusos, versátil, autónomo, aberto á xente, confortable, sostible, altamente eficiente dende o punto de vista enerxético.

Os usos principais serán os seguintes: unha biblioteca municipal, xa que na actualidade Tomiño carece deste servizo; a ampliación, centralización, modernización e dixitalización do arquivo municipal, xa que na actualidade atópase disperso por varios locais e edificios debido á falta de espazo; a centralización de determinados servizos que ofrece o Concello nun só edificio para aforrar custos de mantemento e xestión como a Aula Cemit.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, agradece moi especialmente o importante apoio da Deputación de Pontevedra, tendo en conta, ademais, que o proxecto de Tomiño foi o que acadou a maior puntuación da provincia de Pontevedra.

Asemade, a rexedora reivindica a importancia que este proxecto ten para o municipio pondo tamén en valor o xeito no que foi deseñado, contando coa participación de multitude de colectivos sociais e veciñais. “Sen dúbida será un espazo de referencia para a dinamización cultural que foi pensado e deseñado estudando outros exemplos de referencia e froito dunha consulta á cidadanía, na que participaron máis de 300 persoas pertencentes a distintos colectivos e asociacións”.

O proxecto atópase agora en proceso de licitación anticipada e sairá a resolución en breve, co cal se agarda poder comezar a obra a finais deste ano ou principios do vindeiro.