2 octubre, 2021
A Presidenta Carmela Silva e a Alcaldesa Sandra González, asistiron á inauguración do recinto, un dos máis grandes de Galicia no ámbito das disciplinas urbanas sobre rodas.
O Concello de Tomiño conta desde hoxe cunha nova área deportiva na contorna da Alameda de Goián, que permitirá á veciñanza do Municipio desfrutar de disciplinas urbanas como o skate, bmx, scooter ou roller e que foi financiada ao 100% a través do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra, cun investimento de preto de 240.000 euros. A Presidenta Provincial, Carmela Silva, inaugurou este novo recinto, un dos máis grandes de Galicia neste ámbito, xunto á Alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o Tenente de Alcalde e Deputado Provincial Uxío Benítez, nun acto que contou cunha demostración de skate board, scooter e bmx.
O proxecto, que inclúe a área de skate e outra pista polideportiva, forma parte de Máis Goián, que integra unha serie de intervencións de reforma urbana e recuperación do espazo público para conectar os distintos equipamentos da vila a través da mobilidade peonil, nas que o Concello contou coa colaboración da Deputación. O obxectivo é que estes equipamentos estean todos situados a poucos minutos de distancia camiñando, coa finalidade de crear un lugar de encontro para a veciñanza e o centro neurálxico da vida social e comercial de Goián.
No deseño do novo espazo, que ocupa unha superficie de 4.000 metros cadrados e conta coa área para deportes sobre rodas e outra pista polideportiva, o Concello contou coa participación da mocidade, que fixo as súas aportacións, así como co asesoramento de expertos e empresas especializadas, entre os que se atopa persoal técnico organizador do Marisquiño. A nova infraestrutura, que complementa outros equipamentos deportivos da zona, permitirá a práctica destes deportes sobre rodas desde un nivel inicial ata o avanzado, converténdoo nun dos skate park referentes a nivel Provincial e Galego para a práctica de disciplinas freestyle sobre rodas.
Alerta