Transfrío Rías Baixas S.L. formaliza a adquisición dunha parcela no polígono industrial de Barro

Compartir

Un 67% da superficie do parque empresarial impulsado pola Deputación de Pontevedra xa está ocupada

A empresa de transporte de pescado e marisco fresco Transfrío Rías Baixas S.L. vén de facerse coa titularidade da parcela A-17 do polígono empresarial de Barro, que viña ocupando cunha concesión de dereito de superficie. O deputado provincial de Réxime Interior Carlos López Font asinou cos empresarios da firma en Notaría o acordo de  compravenda desta parcela, de preto de 3.000 metros cadrados, cuxo prezo ascende a máis de 370.000 euros. Deste xeito, a empresa consolida a súa presenza no parque, no que conta con instalacións desde o ano 2018.

A firma viguesa conta na actualidade, segundo subliña no seu portal web, con máis de 250 vehículos, que cobren 80 rutas que cada día achegan aos mercados máis importantes os produtos do mar recollidos na maioría dos portos da Península para entregar en calquera punto da xeografía española, Portugal, Francia ou Italia.

Na actualidade, o polígono de Barro da Deputación de Pontevedra ten unha ocupación efectiva do 67% da súa superficie sobre un total de 258.436 metros cadrados. Están ocupadas 50 parcelas, onde están a traballar unha vintena de empresas, e restan outras 26 parcelas por vender.

Entre as empresas que están instaladas no polígono de Barro figuran Mafari Café, Panaderías Acuña, Frutas Moncho, Caenor, EDF Solar, Gasóleos Xeve, Gescogra, Mariscos Alumar, González Cerqueiro, Hijos de Rivera, José B. González Villaverde, Novas Rías, Rafael Díaz Buceta, Balvalén, Áridos de Curro, TC Group Atlántico, Transfrío Rías Baixas SL ou Artesa Rías Baixas.