Tres colectivos vigueses reciben máis de 18.000 euros de subvencións da Deputación para rehabilitar embarcacións tradicionais

Compartir

A Deputación vén de conceder tres subvencións para poñer en valor o patrimonio marítimo fluvial da provincia a outros tantos colectivos vigueses co fin de rehabilitar varias embarcacións tradicionais: unha tipo traiñeira e dúas gamelas. Segundo explica a deputada de Patrimonio María Ortega as axudas pertencen á liña para a Recuperación e posta en Valor do Patrimonio Marítimo Fluvial da provincia, que se aprobarán este venres en Xunta de Goberno coa a intención de fomentar o coidado de bens de interese relacionados co mar e os ríos na provincia.

A deputada responsable da área amosouse satisfeita da evolución do apoio provincial ao Patrimonio marítimo fluvial, que no 2020 -o primeiro exercicio das axudas- chegara a 14 colectivos e repartira algo máis de 100.000 euros. A nacionalista animou ás entidades a solicitar nos vindeiros anos o apoio da Deputación xa que as subvencións, dixo, foron “concibidas para mellorar o estado de conservación do noso patrimonio e aliviar as cargas económicas das asociacións quen, con moito voluntarismo, asumen moitos gastos para poder conservar e poñer en valor aquilo que, por ter gran valor patrimonial, é de todas e todos nós”.

No caso de Vigo recibirán axudas a Asociación de Gameleiros Asodiña para a recuperación dunha gamela guardesa a vela (677 euros); a Asociación de Mariñeiros Artesanais e Deportivos San Miguel de Bouzas (12.810,51 euros) para a rehabilitación da embarcación tradicional tipo traiñeira ‘Vigo Cinco’; e o Centro Recreativo, Artístico e Cultural de Coruxo para a reparación e rehabilitación da gamela coruxeira A Buxaina (4.568,96 euros) .

No total da provincia a liña de axudas para a recuperación e posta en valora do Patrimonio Marítimo Fluvial chegou a 16 colectivos, principalmente localizados no Salnés (10), pero tamén en Pontevedra (1) e O Morrazo (2) por un valor de 128.354,46 euros.

Musealización ou promoción sociocultural
Entre as actuacións que podían recibir axuda económica da Deputación están os traballos de rehabilitación en embarcacións co fin de recuperar o seu carácter orixinal ou de manter elementos estruturais que permitan o mantemento da embarcación; así como accesorios e equipamento das embarcacións que fosen de investimento (baterías, motor, depósitos, aparellos, velas, obenques, quilla, drizas, equipamento de salvamento…), sempre destinándose a actividades de promoción sociocultural ou musealización, encaixados na Liña 1 das subvencións.

Outras das actuacións subvencionadas permitida (Liña 2) eran as obras de restauración e conservación de artes e aparellos de pesca e marisqueo tradicionais, ferramentas e maquinaria, instrumental de navegación, útiles de comunicación e sinalización, cordoería, artesanía e demais elementos vinculados á cultura marítima e fluvial, todos eles destinados a actividades de musealización ou difusión social e cultural. Tamén se permitían axudas (Liña 3) ás intervencións realizadas sobre construcións e instalacións de terra (almacéns, fábricas, estaleiros, lonxas, casetas de pesca, embarcadoiros e pesqueiras, entre outras), mostras da arquitectura industrial e popular marítimo fluvial na provincia, para seren reconvertidas en espazos culturais, mais para este subapartado non se presentaron solicitudes .

As axudas desta iniciativa do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación, explica Ortega, tiñan un orzamento de 150.000 euros. O importe máximo da subvención para cada actuación non podía exceder do 80% do seu custe total e tampouco non superar o importe de dez mil (10.000,00) euros, mais como nesta edición de 2021 os proxectos financiados non esgotaron a partida orzamentaria, incrementáronse as cantidades para cada colectivo baixo criterios de proporcionalidade e respectando a concorrencia competitiva, así como a valoración técnica do proxecto.