Degustaron catro pratos salgados e un doce maridados con viños de Torres Augusti e licores de La Fabulosa
O evento, enmarcado na Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, celebrouse no xardín posterior do Museo
Asistiu o Alcalde, José María Bello Maneiro, ao que acompañaron varios Concelleiros do equipo de Goberno, e tamén representantes dos Concellos de Pontecesures, Caldas de Reis e Padrón.

O xardín posterior do Museo da Historia engalanouse para acoller a actividade, enmarcada no “Agosto Gastronómico” organizado polo Concello, e que permitiu explorar novas formas de introducir a anguía e a augardente na cociña, a través dun menú composto por catro pratos salgados e un doce, deseñados e elaborado polos chefs de Indo e Vindo Gastronomía: Fran Jamardo, Rocío Garrido e Coque Fariña.
Receitas sorprendentes tanto á vista coma ao gusto, maridadas cos licores de Vermutería La Fabulosa, e os viños da adega Torres Augusti, da Indicación Xeográfica Protexida Barbanza e Iria.
O comezo foi potente cun “Chourizo de anguía ao inferno”, queimado en caña do país, que se serviu acompañado do vermú vermello de La Fabulosa. Un dos pratos máis aplaudidos foi o “Craquer de avea e alga nori con anguía en texturas”, unha gallega salgada con humos, e anguía en tres texturas diferentes, acompañada dunha emulsión de pementos de Padrón e ovas de peixe voador. Esta elaboración maridouse cun albariño Pepe Cabanas de 2018.

Os asistentes degustaron tamén unha anguía braseada con salsa de cítricos, verduras, crema de remolacha e boniato asado, que se acompañou do viño Castelum Augusti. Pechou a sección de pratos salgados, un “Brioche de anguía á barbacoa”, un bocadillo de pan brioche con canónigos, mango, xerminados de cebola, cebola crocante e anguía á barbacoa. A presentación incorporaba unha pipeta con zume de limón para que cada persoa o integrara ao seu gusto. O albariño Pepe Cabanas 2017 foi o complemento para esta receita.
A velada pechouse cun toque doce, coa sobremesa “Texturas de froita e chocolate”, unha proposta inspirada no prato “Anarquía” de Jordi Roca, e que sobre un fondo branco presentaba unha diversidade de cores, sabores e texturas, que permitiu aos comensais experimentar diferentes sensacións en función de como mesturaran os distintos ingredientes. A maridaxe, neste caso, correu a cargo de La Fabulosa, dunha crema de chocolate.
Ademais, colaborou neste evento a empresa Xacobleas, coas súas obleas de sabores coas que foron agasallados todos os participantes. Cócteles con caña do país O “Agosto Gastronómico”, a actividade máis novidosa desta edición da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, está chegando á súa fin.
Queda pendente de celebrarse o Showcooking “Moito máis que caña”, que terá lugar o vindeiro domingo a partir das 13:00 horas no entorno do Centro de Interpretación da Caña do País. O cocteleiro profesional Diego Dasilva, elaborará catro cócteles con augardente de Valga que serán degustados polos asistentes. O aforo, de 25 persoas, está xa completo.