30 agosto, 2024
A augardente acapara boa parte do protagonismo nestas xornadas previas á XXXIV Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, a través do Concurso Tradicional da Caña que deu comezo onte coa precata.
Foron un total de trinta e tres as augardentes que concorreron ao certame nas súas tres modalidades habituais: nove brancas, nove de herbas e sete tostadas.
Exerceron como catadores Ricardo Abuín Mariño, Juan Carlos García Busto, Mª Luisa Vázquez Tubío e Francisco García Carballeira, que se incorpora este ano por vez primeira ao panel de cata.
Onte realizaron unha primeira selección das cañas de cara á gran final desta tarde, para a que se clasificaron oito licores brancos, cinco de herbas e cinco tostados.
De entre eles sairán os gañadores do concurso en base a unha serie de criterios que os catadores teñen en conta á hora de valorar as augardentes. Os principais son o sabor, a boa textura e a cor, moi importante nas cañas de herbas e tostadas pero tamén nas brancas, que non deben presentar turbidez. É igualmente relevante a
graduación.
Os produtores das mellores augardentes daranse a coñecer mañá sábado durante os actos da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País e repartiranse 1.100 euros premios: 500 euros para a mellor caña branca, e 300 para os licores de herbas e tostado mellor valorados. Os segundos clasificados nas tres modalidades recibirán un trofeo e un diploma conmemorativo.
Alerta