Últimos días para inscribirse no certame de fotografía #fotoÁgora sobre o espazo público

Compartir

As persoas que queiran participar dispoñen de ata o venres 24 para rexistrarse e logo abrirase un prazo dun mes para entregar orixinais

 Repartiranse 40.000 euros en premios

 

O vindeiro venres 24 finaliza o prazo para inscribirse no certame de fotografía #FotoÁgora da Deputación sobre o espazo público. As persoas que queiran participar simplemente terán que rexistrarse en https://www.depo.gal/foto-agora (a través da sede electrónica) e despois abrirase unha nova fase na que disporán dun prazo dun mes para a entrega de orixinais.

 

Este galardón, de vocación  internacional, pretende reunir “imaxes de calidade”  que dean a coñecer os dez principios da Rede Ágora e a necesidade de fomentar a calidade dos espazos públicos grazas ás transformacións realizadas nas vilas e cidades da provincia nos últimos tempos.

 

Repartiranse 40.000 euros en premmios: o primeiro terá unha contía de 6.000 euros, haberá un segundo de 4.000 euros, unha recompensa de 2.000 euros para as mellores fotografías de cada unha das categorías referidas aos dez principios Ágora, así como outros 20 accésits de 500 euros.

 

As categorías nas que participar –cada persoa poderá entregar un máximo de cinco fotografías- correspóndense con cada un dos 10 principios que promulga a Rede Ágora, premiándose as fotografías sobre actuacións realizadas, exclusivamente, no espazo público da provincia de Pontevedra que mellor reflictan cada un deles: O espazo público é un dereito; As persoas primeiro; Mobilidade inclusiva; Autonomía infantil; Mobilidades alternativas; Espazos seguros; Hábitat saudable; Espazos amables e de calidade; Actividade económica de proximidade; e Mobilidade sustentable.

 

Valorarase a capacidade da fotografía para mostrar a importancia dos principios que rexen a rede Ágora e tamén a calidade técnica da imaxe por parte de un xurado de persoas expertas.