27 agosto, 2021
O Mago Teto porá en escena «O Camiño do afiador», ás 21.00 horas na Praza da II República
Escupelumes, zancudos e demos, percorrerán as zonas peonís pola noite baixo o estrondo da percusión do espectáculo «Orlok»
As actividades de verán e a dinamización de rúas programada pola Concellería de Cultura do Concello de Vilagarcía, pechan mañá un intenso verán cheo de actividades. Para clausurar a tempada do mellor xeito posible, as rúas da cidade acollerán a partir da noitiña un espectáculo de ilusionismo e un asombroso e estrondoso pasacalles de gran formato composto por terroríficos seres lendarios.
O primeiro dos actos terá lugar a partir das 21.00 horas na Praza da II República, e será o espectáculo «O Camiño do afiador», protagonizado polo Mago Teto. A montaxe xira en torno a unha roda de afiar dos anos 30 herdada polo mago Teto dos seus ancestros. Miles de historias e aventuras doutros tempos son postas en escena coa axuda do ilusionismo. Para os efectos de maxia deste espectáculo empréganse elementos típicos dos afiadores como poder ser coitelos, tesoiras, navallas e paraugas.
«O Camiño do afiador» é un espectáculo que arriba en Vilagarcía, a través do programa de Dinamización Lingüística, Falaredes, e do Xacobeo 21/22. A entrada é libre e de balde ata completar aforo, 20 minutos antes do inicio da actuación.
Ao rematar coa maxia e xa baixo manto negro que trae a noite, un submundo escuro e terrorífico invadirá as zonas peonís da cidade co pasacalles de gran formato «Errantes», que porá en escena a compañía Troula. Orcos, trolls e alimañas, seres saídos da máis profunda escuridade dos tempos, envolverán aos viandantes no seu delirio e facéndoos partícipes da súa tolemia, levándoos a unha peregrinación etern,a transportando no seu carro a maior das súas demencias: o Orlok. Escupelumes, zancudos e demos anunciarán a súa chegada con estrondosas percusións e co lume de pirotecnias e antorchas.
Alerta