Un taller de poesía de Elvira Ribeiro pon o broche de ouro a segunda edición de Escola de Letras

Compartir
Escola de Letras. Fonte: Deputación

A escola da Deputación e a Editorial Galaxia volveu a contar cunha gran participación nos seis obradoiros esgotando todas as prazas.

 

Remata o ano e con el a segunda edición da Escola de Letras, impulsada pola Deputación Pontevedra e a Editorial Galaxia baixo a dirección de Francisco Castro. E faino con poesía. Este xoves arranca no edificio administrativo da institución provincial en Pontevedra o último dos obradoiros que será impartido pola escritora Elvira Ribeiro e cuxa segunda xornada terá lugar o 9 de decembro. As sesións serán de dúas horas, de 18.00 a 20.00 horas, e nelas participarán 15 persoas, que xa esgotaron as prazas para desfrutar desta actividade de carácter gratuíto.

Baixo o título de “Poesía potente”, Ribeiro impartirá o seu obradoiro con exercicios prácticos. Baseándose na literatura formalista, a docente achegará todas as posibilidades da escrita ao alumnado, achegando exercicios de ludolingüística ou figuras de repetición, dende as máis lixeiras ata as máis audaces, así como exemplos da literatura galega e outras literaturas que farán que as alumnas e alumnos teñan unha visión máis clara do panorama poético actual. Natural do Concello de Pontevedra, Elvira Ribeiro é unha escritora, tradutora e ceramista que se dedica fundamentalmente á docencia é á tradución.

Foi na colección Tambo, da Deputación, onde publicou “Andar ao leu”, que se converteu no seu primeiro libro individual. Entre a súa obra destacan títulos destinados ao público adulto e de literatura infantil cos que está a lograr unha traxectoria repleta de premios como o Rosalía de Castro de Cornellà, por “Arxilosa”, ou o Victoriano Taibo de poesía, por “Biografía da Multitude”.

Con este obradoiro péchase por este ano a Escola de Letras, que nesta segunda edición volveu a estar marcada polo éxito ao completar a meirande parte das 90 prazas que ofertaba o mesmo día no que se abriron as inscricións. A profesora deste último taller, Elvira Ribeiro, e Anna Figueiredo son os dous rostros que este ano se incorporaron ao equipo docente da Escola, composto por persoas tan destacadas do mundo da escrita como Inma López Silva, Antonio García Teijeiro e Diego Giráldez. Todas elas e eles impartiron en Pontevedra e Vigo seis talleres presenciais sobre poesía, literatura ou as ferramentas precisas para escribir unha novela.

Ademais dos distintos obradoiros, a Escola tamén levou a cabo unha masterclass titulada “Escoitando a Rilke. Que nos di o poeta sobre como escribir”, impartida polo director Francisco Castro. Con todas estas actividades a Escola busca ofrecer ao conxunto da cidadanía a posibilidade dunha formación literaria da man dalgunhas das figuras máis importantes do panorama galego actual.