Organización do Mundial de Loita. Fonte: Concello
25 octubre, 2021
O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, recibiu esta mañá no Pavillón Municipal dos Deportes ao comisario da United World Wrestling (UWW), Pedro Silva, que se atopa en Pontevedra no marco dunha visita para coñecer de primeira man a oferta de instalacións deportivas e infraestruturas da nosa cidade. Non obstante, a visita de Silva, que estivo acompañado polo director técnico da Federación Galega de Loita, Pablo Pintos, e polo técnico da mesma Alexander Kachelaev, será determinante para que a nosa cidade e a Federación Española de Loita cheguen a bo porto nas súas pretensións de acoller o Campionato de Europa Cadete en 2023 e o Campionato do Mundo Júnior en 2024, xa que el se encargará de elaborar un informe decisivo para estas candidaturas.
Coincidindo con esta importantísima visita, Tino Fernández anunciou que “unha delegación do Concello de Pontevedra viaxará a Belgrado entre os días 1 e 5 de novembro da man da Federación Galega de Loita e a Federación Española de Luchas Olímpicas, co obxectivo de recoller a testemuña Serbia e asumir oficialmente a organización do Mundial de Loita sub-23 de 2022”. “Acudiremos a Belgrado como parte fundamental do comité organizador do Campionato de Mundo que se celebrará en Pontevedra en outubro do vindeiro ano, nunha viaxe que resulta histórica non só para a nosa cidade e para Galicia, senón tamén para o deporte español, xa que se trata do primeiro evento desta categoría que se celebrará aquí”, subliña o tenente de alcalde.
A visita do comité organizador de Pontevedra 2022, que se produce precisamente durante a celebración do Mundial Sénior U23 no país balcánico, ten o obxectivo de revisar ‘in situ’ a organización do evento en Belgrado, buscando mellorar ao máximo a experiencia dos deportistas na cita do ano que vén. “Queremos ser ambiciosos porque podemos selo. Temos un aval de experiencia na organización de eventos deportivos internacionais do que poucas cidades europeas poden alardear, e estou convencido de que para o Campionato do Mundo sub-23 de 2022 teremos unha organización de matrícula de honra que nos permitirá continuar a posicionarnos no calendario internacional nos vindeiros anos”, asegurou Tino Fernández.