Imaxe da saida novena edición da proba "Érguete e Corre" Circuíto Run Run do Concello de Vigo.
30 noviembre, 2025
O evento coincide co 40 aniversario da entidade e todo o diñeiro acadado será destinado a un programa de intervención con persoas usuarias a través da suprareciclaxe
“Correr pola vida. Seguimos loitando contra o narcotráfico”, dicía a sábana coa que as nais da Asociación Érguete abriron hoxe a novena edición da proba Érguete e Corre do Circuíto Run Run do Concello de Vigo. Foi unha mañá especial. Máis de 900 persoas, récord da proba, reuníronse hoxe para correr e para celebrar o 40 aniversario do inicio da loita que comezaron unhas mulleres e algúns pais nos anos 80 contra o narcotráfico.
As nais fundadoras recibiron e despediron ás persoas corredoras cunha pancarta que confeccionaron xunto a persoas usuarias da entidade. “Foi o peche perfecto para un ano no que homenaxeamos o seu legado cunha exposición no Marco de Vigo, cunha gala que encheu o Teatro Afundación e con outra chea de actividades”, indica a coordinadora da Asociación Érguete, Elvira Rivas. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, tamén lembrou que a cidade de Vigo non esquecerá nunca a loita destas mulleres.
A Érguete e Corre comezou coa Érguete peques, unha carreira na que máis de 100 nenos e nenas alcanzaron a meta coa ilusión de correr algún día como os seus pais e nais. Logo dos peques efectuaron a saída as bicis e o equipo de Discamino, aos que alcalde, Abel Caballero, xunto co Concelleiro de Deportes, Manel Fernández acompañou no inicio da proba.
Ás 11.00 horas foi a quenda dos corredores e corredoras das probas cronometradas, momento no que alcalde deu un novo pistoletazo de saída ao Circuíto Run Run 2025 do Concello. Os gañadores da Érguete Corre foron en categoría masculina 5k: Luis Piña (1º), Jorge Diez (2º) e Sindo González (3º), na feminina foron Julia Vaquero (1º), Cristina Estévez (2º) e Naomí Domínguez (3º). Na categoría 10 km os gañadores son por orde de chegada Emilio Tizón, Jose Bastos e Jesús Fernández e as gañadoras Antía Pazos, Iria Marcote e Rocio Andrés.
Os cartos acadados durante a proba serán adicados a un innovador programa de intervención que está a desenvolver a Asociación Érguete con La Canalla para traballar coas persoas usuarias a través da suprareciclaxe, é dicir, transformar algo usado nun produto de maior valor. Tamén se destinará parte do recaudado a fortalecer outros programas de intervención dunha asociación que atende 8.000 persoas cada ano.
Alerta