Miguel Anxo Fernández Lores, César Mosquera e Anabel Gulías na presentación de Urbtopías. Fonte: Concello
7 octubre, 2021
O ciclo de encontros contará con catro palestras diferentes, todas elas con referentes internacionais sobre deseño urbano e modelos de transformación para a cidade.
Celebrarase os días 13, 18, 21 e 27 de outubro, no Edificio Castelao, do Museo de Pontevedra; a entrada será libre.
«Marcada na liña do horizonte, a utopía é ese lugar cara onde camiñar
soñando novos xeitos de vivir e de entender a sociedade»
Pontevedra será a cidade que soñará, que soña, coas urbtopías, ese concepto que materializa a través da arquitectura e o deseño do urbanismo novas cidades alternativas e outras formas de habitar e relacionármonos. Así é, a Boa Vila volverá ser punto de encontro para reflexionar e debate sobre o futuro dos espazos que habitamos, cun programa fondo, de carácter internacional, con algúns dos nomes máis recoñecidos do mundo en materia urbana.
A nova edición de Urbtopías foi presentada esta mañá a pé de rúa, na praza do Concello de Pontevedra, coas intervencións da concelleira de Promoción Cidadá, Anabel Gulías; o vicepresidente da deputación, César Mosquera; e o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. Urbtopías trae consigo «un dos programas máis importantes non só a nivel Galego, senón a nivel do Estado Español e internacional», comentou Gulías.
O programa poñerá sobre a mesa as maiores reflexións sobre as cidades, sendo a Boa Vila o mellor espazo posíbel para este asunto, tal e como foi sinalado na súa presentación.
«A deputación está encantada de colaborar con esta iniciativa, pois Pontevedra é un exemplo de modelo urbano que transcendeu fronteiras», explicou César Mosquera. «Se algo podo destacar de todo isto, é o concepto de ‘coñecemento e humildade’. Levar adiante un modelo de Pontevedra ten unha complexidade técnica, que implicou, para a súa elaboración, un enorme coñecemento de como funcionan as cidades, a todos os niveis e en todos os aspectos. En segundo lugar, esa humildade, que sempre nos fai preguntar que está a pasar no mundo, que se está a elaborar, ver novas ideas e solucións. Creo que aí responde moi ben Urbtopías. Nunca nos detivemos, sempre tivemos ese punto de prudencia e de humildade para sabermos por onde van as cousas, como podemos mellorar e como podemos evitar problemas. Hai que estar continuamente cuestionándose, seguindo as novidades. Queremos estar sempre recavando ideas e adaptalas á nosa realidade».
O alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, comentou que esta segunda edición de Urbtopías contaba cun programa «excepcional», que entraría dentro dun proxecto que o concello levaría facendo moitos anos, coa idea de poñer a Pontevedra no mapa, e «creo que o conseguimos». «Cada vez chegan máis solicitudes da mundo para saber que fixemos estes 22 anos, que fixeron os pontevedreses, pois este é un proxecto conxunto. Cómpre falar de calidade urbana, de facer cidades habitables. Nese sentido, fixemos un programa con catro palestras excepcionais».
As palestras e intervencións quedarían do seguinte xeito:
Rexenerar o Urbano. Espazos culturais como elementos de cohesión.
Mércores 13 de outubro, 19 horas, Edificio Castelao. Museo de Pontevedra,con:
David Chipperfield, arquitecto e presidente da Fundación Ría.
Ana Tomé, directora xerente da Fundación Museo Reina Sofía de Madrid.
(Moderador), Alejandro Espiño, xornalista en PontevedraViva.
Recrear o espazo público. A Cultura como estratexia.
Luns 18 de outubro, 19 horas, Edificio Castelao. Museo de Pontevedra, con:
Ana Luisa Amaral, escritora e premio Reina Sofía de Poesía Iberoamericana.
Manuel Vilas, escritor e finalista do premio Planeta.
Ramón Rozas, xornalista cultural no Diario de Pontevedra.
(Moderadora), Pilar García Rego, xornalista na Televisión de Galicia.
Recompoñer a formula urbana. A incidencia do espazo público.
Xoves 21 de outubro, 19 horas, Edificio Castelao. Museo de Pontevedra, con:
Francisco Mangado, arquitecto e impulsor da Fundación Arquitectura y Sociedad
Joan Clos, ex director executivo de ONU Hábitat e Presidente de AGORA, The new urban conversation.
Miguel Anxo Fernández Lores, Alcalde de Pontevedra.
(Moderadora), Ana Pardo de Vera, directora corporativa do diario Público.
Repensar o espazo urbano. Novas formas de habitar a cidade.
Mércores 27 de outubro, 19 horas, Edificio Castelao. Museo de Pontevedra
Teresa Táboas, arquitecta e membro do Consello de Unión Internacional de Arquitectos.Ramón Marrades, economista urbano e director de Placemaking Europe.(Moderadora), Susana Regueira, xornalista no Faro de Vigo.
Toda a información sobre o evento estará dispoñíbel na páxina web oficial do evento www.urbtopias.com, que tamén contará con contas oficiais de Facebook e Instagram.
A entrada para todos os encontros será libre até completar aforo.