Agora Coruña. Fonte: Deputación de Pontevedra
21 septiembre, 2021
O Deputado Provincial participou nun foro organizado polo Concello Coruñés ao abeiro da Semana Europea da Mobilidade.
Subliñou que “é preciso garantir o dereito ao espazo público como escenario fundamental da vida colectiva”.
O Deputado de Espazos Públicos e Mobilidade Uxío Benítez, explicou hoxe en A Coruña a ‘Fórmula Ágora’ da Deputación, para implicar aos pequenos Concellos da Provincia na recuperación do espazo público para as persoas. E fíxoo nun relatorio organizado polo Foro da Mesa pola Mobilidade Sostible do Concello da Coruña celebrado no Museo Científico- Domus.
Benítez compartiu palestra con Ana Montalbán e Mateus Porto, dous arquitectos especialistas integrantes da Rede de Cidades que Camiñan, nun intento de poñer en común o que está a facer na Provincia de Pontevedra por avanzar cara a unha mobilidade sustentable, e vencer as resistencias que desde diferentes sectores dificultan ese avance, poñendo no foco en que a mellora da mobilidade non se pode circunscribir ás grandes urbes, e debe estenderse a todas as outras vilas, municipios e núcleos. De feito, foi este o motivo polo que a organización considerou “transcendental e imprescindible” contar coa Deputación de Pontevedra na xornada.
Benítez explicou que nestes momentos hai 54 concellos implicados na ‘Rede Ágora de Concellos Polo Espazo Público’ na Provincia de Pontevedra, e que a Deputación está a fomentar e a asesorar a realización de actuacións para mellorar a calidade urbana das vilas, así como poñendo subvencións económicas a disposición dos Concellos tanto para realizar proxectos que prioricen ás persoas, como tamén para a execución de obras. Así mesmo, explicou que a Deputación ten en marcha a iniciativa da ‘Facultade Ágora’, coa que está a formar a persoal técnico e político da Provincia cun grande elenco de especialistas de diferentes disciplinas, que abordan a necesidade de recuperar o espazo público para o seu uso social fronte á invasión dos vehículos a motor.
Benítez apuntou que a recuperación do espazo público non é unha moda. Subliñou é preciso que as e os tomadores de decisións nas vilas teñan clara “a necesidade de garantir o dereito ao espazo público como escenario fundamental da vida colectiva”, e que é preciso “construír unha nova sociedade para protexer o noso hábitat, xa que os coches nolo arrebataron”, dixo.
Como base, explicou que a Deputación está a traballar cun decálogo de principios que deben rexer en todas e cada unha das actuacións propias e tamén dos Concellos adheridos á rede: o espazo público é un dereito; as persoas primeiro; mobilidade inclusiva; autonomía infantil; mobilidades alternativas; espazos seguros; hábitat saudable; espazos amables e de calidade; actividade económica de proximidade; e mobilidade sustentable.
A xornada, previa ao ‘Día sen coches’ que se conmemora mañá, comezou cun relatorio dunha representante do Sergas que disertou sobre a mobilidade natural como cuestión imprescindible para a saúde. Contou así mesmo coa participación das técnicas Ana Montalbán e Mateus Porto, (tamén profesores na Facultade Ágora), que abondaron sobre o que deben ser “as cidades camiñables”.
Unha vez Uxío Benítez expuxo o modelo Ágora, posteriormente celebrouse un coloquio coas persoas responsables das políticas de mobilidade das sete cidades galegas, no que tamén participou o Vicepresidente César Mosquera, mais como Concelleiro de Mobilidade de Pontevedra.
WhatsApp us