Vigo abre a cita previa para obter asesoramento sobre o novo Plan Xeral

Compartir
Abel Caballero en rolda de prensa. Foto: Concello de Vigo

Para facilitar o coñecemento do texto, o Concello decidiu aumentar o prazo de exposición pública dos dous meses estipulados a tres meses, a contar desde que o anuncio sexa divulgado no Diario Oficial de Galicia. O Concello xa o remitiu ao DOG o pasado venres

 

O documento xa está dispoñible na web do Concello e, desde o mércores, o Concello habilita unha oficina no Mar de Vigo con copia en papel e doce equipos informáticos para consultalo. Tamén desde o mércores, o goberno presidido por Abel Caballero permite pedir cita para ser atendido por un experto en urbanismo

 

Abel Caballero resumiu este luns as distintas formas de coñecer o Plan Xeral. En primeiro lugar, o documento xa está colgado na web do Concello para o seu visionado e descarga. Por outra banda, para quen careza de medios dixitais, este mércores, 13 de outubro, o Concello de Vigo abre unha oficina na planta baixa do Auditorio Pazo de Congresos Mar de Vigo, na Avenida de Beiramar, equipada cunha ducia de ordenadores nos que consultalo de forma telemática e cunha copia en papel do PXOM.

 

O goberno de Vigo ofrece unha terceira maneira: a atención personalizada a cargo dun técnico de Urbanismo ou do equipo redactor do Plan. Prestarase tamén na sede municipal do Mar de Vigo mais é imprescindible pedir cita previa. Esta pode solicitarse desde este mesmo mércores, 13 de outubro, por dúas vías: a través da web citaprevia.vigo.org ou no número de teléfono 986 616 388 (en horario de 9 a 14 horas e de 17 a 20 horas).

 

Para evitar aglomeracións na oficina do Mar de Vigo, o alcalde recomendou “espazar” as visitas, non acudir de golpe os primeiros días para así “evitar colas”, e recordou que o prazo de información pública e presentación de alegacións se aumentou a tres meses desde que sexa publicado no DOG, algo que aínda non aconteceu. As obxeccións ao Plan poden tramitarse de forma telemática, en calquera rexistro oficial e tamén na propia sede municipal da Avenida de Beiramar, onde o Concello habilitará un rexistro auxiliar.