Vigo acende “tódalas luces” do seu Nadal este sábado 20 de novembro ás 20:30 horas

Compartir
Abel Caballero amosa o plano do plan de autoprotección do encendido de Nadal. Fonte: Concello

“Que todo o mundo se prepare para ver as luces máis bonitas, máis fermosas e extraordinarias que viu nunca” avanza o rexedor que ofreceu detalles este mércores sobre as medidas de autoprotección previstas para o acto de prendido da iluminación.

 

Abel Caballero explicou que o sábado, ás 20:30, horas acéndense as “luces de todo Vigo desde a árbore de Policarpo Sanz; máis de 350 rúas irán iluminándose paulatinamente”, de xeito que a cidadanía irá vendo como se ilumina a decoración de cada rúa e cada zona progresivamente.

Na zona central, especialmente Policarpo Sanz, o plan de autoprotección do Concello establece unha serie de normas para garantir a seguridade das persoas que asistan ao evento. Tal e como explicou o alcalde, estarán sinalizados os accesos para presenciar o acendido e haberá itinerarios para a entrada e saída da árbore, pola que este ano si que poderá circular a cidadanía.

O acceso á zona da árbore será por tres rúas: Velázquez Moreno, Colón e García Barbón; non se poderá acceder por outra zona, como detrás da árbore desde a zona da Porta do Sol. Estará sinalizada tamén a zona de saída tras a visita á árbore que será pola rúa Darío Álvarez Blázquez.

Para a organización do público asistente, as rúas Policarpo Sanz e García Barbón quedarán divididas en sete sectores cun máximo de 500 persoas de aforo: 3 sectores ao longo de Policarpo Sanz, 2 sectores entre Velázquez Moreno e Colón e 2 sectores entre as rúas Colón e Pontevedra. Estes espazos estarán marcados con vallas de seguridade para acoller un máximo de 3.500 persoas. Ao remate do acto, o público podería ir pasando pola zona da árbore de forma ordenada.

O Concello contará con persoal que informará ao público para facilitar o tránsito cidadán e o servizo de megafonía ofrecerá tamén información de servizo. Amais, está preparado un dispositivo de atención sanitaria durante o acto de acendido con catro ambulancias, en coordinación sincronizada co 061, 80 efectivos de Protección Civil, amais de bombeiros e Policías.

Amais, durante todo o Nadal na zona de maior afluencia de público estará en funcionamento un posto de socorro permanente na Praza da Princesa, haberá un servizo de botiquín portátil de primeiros auxilios á beira da árbore e unha ambulancia nos días de previsión de maior afluencia.

Tal e como sinalou o rexedor, a obra da Porta do Sol queda paralizada durante o Nadal e dispoñeranse itinerarios para que sexa transitable para a cidadanía.