Vigo e Comunidade Valenciana buscan reforzar lazos empresariais e conexións aéreas

Compartir

O alcalde, Abel Caballero, e o presidente, Ximo Puig, avogan por un enlace diario Vigo-Valencia e abrir unha nova ruta entre a cidade olívica e Alacante, como vía para “aumentar eses espazos de encontro de carácter comercial” entre “dous territorios cunha economía tan potente e tan forte”.

 

Puig visitou este venres a Alcaldía de Vigo e mantivo unha reunión co alcalde, Abel Caballero. Despois de aproximadamente unha hora de entrevista, ambos dirixentes coincidiron en subliñar ante os medios a súa aposta por incrementar as relacións empresariais e mellorar a conectividade aérea da cidade olívica coa rexión mediterránea.

 

Caballero e Puig comprometéronse a “abrir procesos de cooperación”, en particular para aumentar as frecuencias doo voo actual Vigo-Valencia, convertelo en diario e “se é posible todo o ano”, en verbas do alcalde. Tamén propuxeron a apertura dunha nova ruta entre Peinador e Alacante.

A segunda pata da colaboración sería reforzar os lazos comerciais entre ambas rexións a través de intercambios e xornadas de carácter empresarial. A este respecto, o alcalde considerouno positivo para as dúas partes, ao tratarse de “dous territorios cunha economía tan potente e tan forte”.

 

“É básico intensificar as relacións entre o Atlántico e o Mediterráneo para coser España”, manifestou o presidente Puig, e en particular con Vigo “podemos acelerar a nosa relación económica, social e cultural” a través das conexións aéreas. Estas non serían “un fin en si mesmo”, senón que servirían “para aumentar ese espazo de encontro de carácter comercial”, precisou.

 

Abel Caballero agradeceu a visita de Ximo Puig, a quen definiu como un “bo amigo, alcalde de Morella durante tantos anos e político no ámbito español”, entón con “visión municipalista” e agora tamén con “liderado no ámbito da Comunidade Autónoma”. Puig, pola súa banda, louvou a “gran labor” de Caballero á fronte do Concello de Vigo e erixiuno como “exemplo” da política municipal tamén polo seu “liderado” á fronte da Federación Española de Municipios e Provincias. “Todo o meu afecto, felicitación e recoñecemento polo gran traballo que está a facer na cidade”, concluíu o mandatario autonómico.