Vigo expoñerá a obra de Laxeiro no MARCO polo “Ano Laxeiro 2022”

Compartir
Abel Caballero é o presidente do Padroado da Fundación Laxeiro. Fonte: Concello

Nunha xuntanza do Padroado da Fundación Laxeiro acordouse que a exposición “Laxeiro e a pintura española da súa época” comezará no Museo de Arte Contemporáneo de Vigo, coa idea de exportala ao resto de España.

 

O Padroado da Fundación Laxeiro acordou expoñer no MARCO “Laxeiro e a pintura española da súa época” polo “Ano Laxeiro 2022” co obxectivo de exportala logo ao resto de España.

O alcalde explicou que o obxectivo non é expoñer só en Vigo, e que xa hai un dos cadros de Laxeiro exposto no Museo Reina Sofía de Madrid: “Está moi cerca do Guernica, un dos lugares máis importantes do Reina Sofía”. Deste xeito, Caballero manifestou que “hai moitísimo nivel na pintura da época, como por exemplo Picasso, e serán acompañantes de Laxeiro na exposición”.

Abel Caballero, que é o presidente do Patronato, explicou en rolda de prensa que vai ser “unha gran exposición” e subliñou o esforzo do Concello para lanzar a idea de que “Laxeiro é un gran pintor de nivel europeo”. Ademais, adiantou en rolda de prensa que o comisario será o director do MARCO, Miguel Fernández Cid, que cualificou de “máximo prestixio”.

O Concello pagará na súa totalidade a exposición,120.000 euros, e na xuntanza acordouse un incremento da dotación á Fundación que pasa de 80.000 a 95.000 euros para o ano 2022.