Vigo pide ao Consorcio a cesión de quince locais baleiros para “potenciar” o Casco Vello

Compartir

A concelleira de Urbanismo, María José Caride, defendeu a moción no Pleno deste mércores, que foi aprobada cos votos do goberno de Vigo e do edil non adscrito, a abstención de Marea de Vigo e a negativa do PP. A proposta recolle que o Concello abonaría 30.000 euros anuais ao Consorcio do Casco Vello polo inmobles, que se empregarían para “divulgar a riqueza cultural, patrimonial e turística da cidade”.

A cidade aspira a obter do Consorcio do Casco Vello a cesión de uso dunha quincena de locais que a entidade posúe na área histórica e que permanecen desocupados actualmente, co obxecto de “potenciar” a zona, “divulgar a riqueza cultural, patrimonial e turística” viguesa e “favorecer o emprendemento e a actividade asociativa”. O Concello suxire un acordo entre as partes por dez anos no que o Concello pagaría 30.000 euros anuais e ademais encargaríase dos custos de conservación e mantemento das sedes.

A superficie total é lixeiramente superior aos mil metros cadrados e os locais demandados están situados no Casco Vello alto, singularmente nas rúas Abeleira Menéndez, Cruz Verde, Ferrería, San Sebastián, Santiago e Subida á Costa.

No texto presentado se explica que a intención do goberno vigués pasa por “converter estes locais nun polo de xeración de actividade, iniciativa e divulgación de Vigo” e avoga por garantir “a implantación de actividades compatibles co uso residencial”, en particular, “espazos adicados á exposición e divulgación artística, espazos con actividade rotativa para artesáns, espazos flexibles para potenciar o atractivo turístico de Vigo e o seu entorno con diferentes actividades en función dos eventos, festas ou momentos da vida social da cidade e espazos adicados a mellorar o coñecemento e a presenza do tecido asociativo”.

Moción vivenda

O Pleno tamén deu luz verde esta mañá a unha moción do Grupo Mixto na que solicita artellar de urxencia políticas de contención do prezo do alugueiro en Vigo así como aumentar o parque de vivenda dispoñible. Marea de Vigo conseguiu o voto favorable do PP e do concelleiro non adscrito para sacar adiante unha proposta que solicita a xestión pública e directa do Concello co futuro stock de vivenda pública. O texto aprobado -coa abstención do grupo socialista- insta á Xunta a executar, no marco das súas competencias, as políticas de materia de vivenda e dar así cobertura a máis de 5.000 familias e particulares demandantes de VPO.