Sesión Plenaria. Fonte: Concello
29 septiembre, 2021
O Pleno aprobou esta mañá, con ningún voto en contra, unha iniciativa socialista que pretende que a Xunta sufrague os comedores escolares e as aulas matinais que nestes momentos está a financiar o Concello. O Edil de Educación, Gorka Gómez, lembrou na súa intervención que se trata dunha competencia exclusiva da Xunta de Galicia que, unha vez máis, desatende as súas obrigas na cidade.
O responsable municipal de Educación, Gorka Gómez, criticou esta mañá á Xunta de Galicia por non exercer as súas competencias e desatender na cidade os servizos complementarios dos centros educativos. Tal e como defendeu na súa intervención, é o Concello o que sufraga tanto os comedores escolares como as aulas matinais achegando 2,1 millóns anuais, sendo unha competencia exclusiva do Goberno Autonómico. O texto, que se aprobou cos votos favorables do PSOE, do grupo Mixto e do Concelleiro non adscrito, e coa abstención do PP, reclama que nos próximos orzamentos Galegos inclúan unha transferencia de 2 millóns ao Concello de Vigo, para asumir o custo dos 24 comedores escolares, aulas matinais, bolsas de comedor e libros que están a ser financiados pola administración local.
Zonas baixas emisións
Outro dos acordos acadados na sesión plenaria desta mañá insta ao Goberno Local a implementar medidores para a sensorización e control das emisións reais do transporte rodado, para a identificación das zonas máis contaminantes. A instancias dunha moción do grupo mixto, cunha emenda de substitución do grupo socialista, o Pleno deu luz verde a unha iniciativa na que o Goberno Local ratifica o seu compromiso coa posta en marcha de Zonas de Baixas Emisións (ZBE), antes da finalización do presente ano, así como a valoración do seu funcionamento durante os seis primeiros meses de 2022 e, en base aos resultados, proceder a súa consolidación ou modificación, se fora preciso.
A Concelleira de Seguridade, Elena Espinosa, reiterou na súa intervención a vontade do Concello de semipeonalizar varias zonas da cidade, con peches ao tráfico rodado durante os domingos e festivos así como a realización dun estudo, para o establecemento de puntos de recarga de vehículos eléctricos en toda a cidade. Esta emenda de substitución contou cos votos favorables do PSOE, do grupo de En Marea e do PP, mentres que o Concelleiro non adscrito optou pola abstención.