Vigo, seleccionada para elaborar proxectos piloto da Axenda Urbana Española

Compartir
Abel Caballero. Fonte: Concello

O alcalde deu conta este xoves da adxudicación provisional dunha axuda de 250.000 euros para elaborar proxectos piloto para a Axenda Urbana e agradeceu ao Goberno de España que, con esta decisión, sitúe a Vigo como “cidade adiantada” nestes proxectos.

 

A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves a aceptación da subvención concedida por resolución provisional da convocatoria de axudas para a elaboración de proxectos piloto de plans de acción local da Axenda Urbana Española dotada con 250.000 euros.

O rexedor explicou que, en previsión da convocatoria, xa estaban adxudicados 87.000 euros para o desenvolvemento do proxecto do modelo de Axenda Urbana Española. Con esta subvención, o Concello elaborará toda a Axenda Urbana e o Plan de Acción “Vigo Human City”, accións de comunicación da Axenda Urbana de Vigo, o observatorio da Axenda Urbana de Vigo, un Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible de Vigo, fortalecerá a cogobernanza multinivel e dará continuidade ao programa Vigo Vertical ou o novo Plan de Mobilidade Urbana de Vigo e promoverá outros tan importantes como o novo Plan Xeral de Ordenación Urbana de Vigo que propón unha nova maneira de ver a cidade máis sostible, segura, inclusiva.

Abel Caballero agradeceu á ministra de Transportes e ao presidente do Goberno “que nos asignaran o plan piloto porque Vigo se converte en cidade piloto e adiantada en proxectos de Axenda Urbana” que permitirán traballar na recuperación de zonas históricas da cidade, como a Panificadora, en proxectos de mobilidade vertical, accións ecolóxicas e medioambientais ou a recuperación do Casco Vello.

Ademais, quedou aprobado o programa de xestión das axudas do Next Generation UE para cuxa execución é preciso o nomeamento de funcionarios interinos: 4 enxeñeiros de camiños, canles e portos, 3 enxeñeiros industriais, 2 técnicos de sistemas, 3 técnicos da Administración xeral, 2 técnicos de programas europeos e 2 auxiliares administrativos.

Son 16 especialistas para “levar adiante o conglomerado de proxectos, de inversións e solicitudes nos que está inmerso o Concello de Vigo porque a nosa ambición é total”, sinalou o alcalde referindo os 45 millóns de euros en tramitación que ten o goberno de Vigo nestes momentos con obras en convenio coa Deputación de Pontevedra, a humanización da Porta do Sol, a obra dos accesos a Vialia, a reforma da potabilizadora do Casal e obras de saneamento e abastecemento, entre outras.