Vigo supera nas fins de semana de agosto o 90% de ocupación hoteleira

Compartir

O dato desta última fin de semana acadou o 95,3%, segundo informou este luns Abel Caballero en rolda de prensa. A cidade encadea así neste mes rexistros “magníficos”, co 92% na fin de semana de San Roque e ata o 97% na ponte de San Roque, que constatan que “Vigo é un gran destino turístico”.

“En termos turísticos, nos está indo moi ben”, valorou este luns Abel Caballero, quen informou de que a ocupación hoteleira desta última fin de semana volver rozar o cheo e acadou o 95,3%, enlazando desta forma tres con ocupacións por riba do 90%.

As cifras son “magníficas” e revelan un mes de agosto que consolidan a Vigo como “gran destino turístico”, en verbas do alcalde, quen recordou que a ocupación na primeira fin de semana, coincidente coa celebración de O Marisquiño, acadou o 92% mentres que na seguinte, a de San Roque, elevouse a case o 97%.

Vacinación

Por outra banda, o alcalde insistiu novamente en reclamar á Xunta de Galicia que habilite “varios puntos de vacinación” Covid na área de Vigo, que engloba a 570.000 habitantes. Explicou Caballero que hoxe, con milleiros de mozos e mozas citados no IFEVI para este luns, o recinto feiral está a presentar colas “de máis dunha hora”, o que “molesta de forma moi importante aos que teñen que percorrer cen quilómetros de ida e volta”, en referencia á veciñanza da Cañiza ou da Garda, segundo citou.

O primeiro edil vigués demanda a aplicación do modelo portugués. O país veciño está a inxectar nos municipios e, a modo de exemplo, anotou os da beira do Miño: Melgaço, Camiña, Vilanova de Cerveira, Valença e Monçao teñen sedes de vacinación. En España, Caballero tamén recordou que o mesmo sistema están a adoptar na rexión de Murcia. Co número de doses que están chegando, Caballero resumiu: “O Goberno de España está a facer unha boa xestión e a Xunta, nos puntos de vacinación, mala”.

Logo de felicitar ao persoal sanitario encargado da inmunización pola “profesionalidade e a dilixencia”, o alcalde volveu requirir da Xunta un sistema de vacinación “máis cómodo, máis sinxelo, máis áxil, sen esperas” e concluíu afirmando que “o conselleiro de Sanidade e o presidente da Xunta están suspendendo; dean facilidades á xente, hai que facelo en función dos cidadáns, non en función da comodidade da Xunta”.