4 noviembre, 2021
A Deputación asinará un convenio valorado en 182.032 euros que transformará a entrada na vila nunha “estrada do século XXI” en sintonía co modelo provincial de mobilidade.
O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, visitou a zona, acompañado do alcalde, Luis Celso Taboada, e destacou o “cambio radical” que vai supor a obra.
A entrada en Vila de Cruces dende a estrada provincial EP-6306 experimentará un importante cambio no seu deseño para transformarse nunha vía integral, coa mobilidade peonil como prioridade, unha vez que se executen as obras previstas no convenio que a Deputación e o Concello están a piques de asinar, cun importe total de 182.033 euros, dos que a institución provincial achegará o 80% e a municipal o restante 20%. O convenio será aprobado este próximo venres na Xunta de Goberno Provincial.
O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, visitou hoxe a zona acompañado do alcalde, Luis Celso Taboada, e destacou o “cambio radical” que vai supor esta obra. As bandas sonoras provisionais e os elementos temporais de separación darán paso a un deseño definitivo no marco do modelo provincial de mobilidade amable e segura, do século XXI, no que as persoas que camiñan gozan de prioridade no uso do espazo público.
As obras vanse realizar no tramo que vai do PQ 16+450 ao PQ 16+750, é dicir, no tramo final da estrada provincial que cun trazado de 17 Km comunica Vila de Cruces con Agolada. A entrada a Cruces quedará dotada dunha senda peonil de ancho variable, pero cun mínimo de 2,50 metros na súa marxe dereita, é dicir na coincidente co Instituto de Ensino Secundario Marco do Camballón. Crearase así un camiño escolar seguro para o alumnado deste centro educativo, pero que tamén servirá para acceder en condicións de seguridade a dotacións próximas e moi utilizadas pola veciñanza, como o Centro de Saúde, o tanatorio, o cemiterio ou o campo de fútbol. A senda estará executada en formigón coloreado de 15 cm de grosor, que será reforzado ata 20 cm na zona apegada ao aparcamento do instituto.
Co obxecto de gañar o espazo necesario para esta senda e para a continuación das beirarrúas agora existentes, a plataforma da estrada vai ser ampliada en medio metro cara esta marxe dereita. Ademais, a rede de telefonía aérea vai ser soterrada e tamén vaise executar unha nova rede de sumidoiros para a recollida das augas pluviais con colectores de 315 mm. Todo o conxunto de actuacións producirá, por tanto, unha importante mellora estética na entrada á vila.
As obras prevén a execución de dous pasos de peóns elevados, para facilitar a permeabilidade peonil entre ambos lados da estrada e tamén de tres badéns (redutores físicos de velocidade), así como a colocación de nova sinalización vertical con limitación da velocidade de circulación a 30 Km/h. En canto á sinalización horizontal, marcará adecuadamente o espazo peonil, que tamén estará delimitado cunha pequena canle lonxitudinal para reforzar a recollida das augas. O deputado destacou a calidade do proxecto que se vai executar tamén no que atinxe á pavimentación, pois o proxecto contempla o corte do asfalto e o fresado completo da capa de rodadura ata unha profundidade mínima de 5 cm para garantir a duración do novo firme.
Investidos 6,2 millóns de euros en Vila de Cruces
A Deputación leva investidos 6,2 millóns de euros en Vila de Cruces dende que se produciu o cambio no Goberno provincial a mediados do 2015. Neste tempo financiou a execución de 33 obras a través do Plan Concellos e fixo posible a contratación de 61 persoas paradas para reforzar os servizos municipais. A pavimentación dos camiños municipais foi o gran eixe do Plan en Vila de Cruces, pois leva absorbido máis dun millón de euros. Unha estratexia que continúa neste ano 2021, pois prevese unha achega doutros 471.313 euros para mellorar o firme en contornas rurais.
Pola súa banda, o servizo de Infraestruturas investiu 867.707 euros en Vila de Cruces que permitiron sacar adiante cinco obras, das que xa están rematadas as cunetas da EP-6411, a sinalización da EP-6404 e a seguranza viaria no treito antigo da EP-6408. A estas súmanse as obras de seguridade viaria nun punto sensible, como é a contorna do parque da Carixa, que con 97.710 euros xa están en execución. Finalmente, está xa en marcha este convenio que agora se impulsa por parte da Deputación na entrada á vila dende a EP6306. Ademais disto, executáronse dous pasos de peóns elevados e dous badéns, no marco do Plan Móvese, e financiouse o Plan de Mobilidade Sustentable (PMUS) cunha achega de 9.000 euros.
Alerta