9 octubre, 2021
O Concello de Vilagarcía continúa planificando a mellora urbana da cidade, atendendo tanto ao centro da cidade como ás zonas da periferia. Neste último ámbito desenvolverase a seguinte actuación prevista polo executivo socialista, que se centrará na zona de Vilaboa, en Sobradelo. Atendendo á petición de mellora da contorna solicitada polos veciños do lugar, o Concello acometerá a humanización da zona da fonte e o lavadoiro e as rúas adxacentes. Para concretar a actuación a desenvolver, a Xunta de Goberno Local adxudicará na reunión do mércores a redacción do proxecto ao gabinete Zubia Ingenieros, traballos que se contratan por importe de 8.700 euros máis IVE.
Como é habitual neste tipo de procedementos, para a redacción do proxecto, o executivo socialista marca unha serie de requisitos aos que deberá axustarse o documento, como por exemplo, que inclúa a renovación dos servizos básicos de abastecemento de auga, saneamento e recollida de pluviais. O proxecto cinguirase ao ámbito de actuación que, tomando como epicentro a zona da fonte e o lavadoiro, colle tamén parte das rúas que conflúen nela: Rúa Vilaboa, Veiga de Abaixo e Travesía da Fonte. En total, a superficie total na que se actuará suma 2.750 metros cadrados.
O obxectivo da actuación a realizar é a humanización desta zona de Vilaboa, intervención que, pese a mellorar os espazos dos que poderán gozar os peóns, non suporá a peonalización, posto que os vehículos continuarán circulando por esas rúas, aínda que dun xeito máis controlado.
Ademais da xa comentada renovación das redes de servizos básicos, o proxecto deberá propor unha solución estética para o lugar que, no que ao pavimento se refire, poderá combinar zona de enlousado con outras de formigón e mesmo de asfalto, dependendo do uso das mesmas. Unha atención especial requírese para os elementos patrimoniais da fonte e o lavadoiro, que tamén terán que ser obxecto dunha actuación de posta en valor, continuando así co traballo de recuperación e conservación dos elementos construtivos tradicionais da arquitectura popular.
A actuación complementarase coa instalación de alumeando público, mobiliario urbano e de axardinamento e con coa correspondente sinalización horizontal e vertical.
O goberno terá que esperar a que o proxecto estea redactado para coñecer o orzamento final que terá a actuación, momento no cal se porán en marcha os mecanismos convenientes para financiar a obra (ben mediante fondos propios ou a través de plans e subvencións doutras administracións) para, a continuación, sacala a licitación.
Unha cidade moderna amable e atractiva
Esta nova obra de humanización forma parte das actuacións que o executivo que preside Alberto Varela está a desenvolver no marco do modelo de cidade humanizada, accesible, atractiva e sostible no que se está traballando dende hai seis anos. Trátase de mellorar a imaxe externa da cidade, á vez que de dotala de novas infraestruturas e renovar as vellas, con actuacións como as levadas a cabo tanto en zonas urbanas (Praza de Galicia e Independencia, Rúa Vázquez Leis en Vilaxoán, Rúa Cervantes en Carril, Rúa Os Duráns ou as travesías de Arcebispo Lago), así como en barrios da periferia (parque e contorna de Matosinhos, O Piñeiriño, Rúa Sobrán…).
Alerta