14 diciembre, 2021
A actuación forma parte das medidas que está levando a cabo a Concellería de Mobilidade para potenciar o uso da bici para desprazarse pola cidade.
Colexios e institutos, a zona da praia e o paseo marítimo e mesmo a Praza de Abastos son os lugares nos que se instalará esta nova partida de arcos metálicos.
Entre as diversas medidas que está a levar a cabo a Concellería de Mobilidade para potenciar e favorecer o uso da bicicleta como medio de desprazamento pola cidade, atópase a instalación dunha nova remesa de aparcabicis para completar ás xa existentes. Onte comezaron os traballos que permitirán contar con 14 novas liñas de arcos metálicos distribuídas por diferentes puntos do municipio e que contan cunha capacidade total para estacionar 200 vehículos.
Os lugares elixidos para instalar as novas liñas son todos puntos ao redor dos que se move ou concentra un número importante de persoas ou, o que é o mesmo, potenciais usuarios da bicicleta. Son centros educativos, áreas de recreo ou zonas comerciais. Así, onte xa se instalaron os novos arcos na Praza da Independencia, (nas inmediacións do colexio San Francisco), no colexio da Escardia, (xunto a parda do bus), no parque da Xunqueira, (xunto á zona de xogos infantís), e no Miguel Hernández. Nos vindeiros días completarase a actuación colocando aparcabicis nas inmediacións do instituto Castro Alobre, (parada de bus), no Cotarelo, no IES Miguel Ángel González, nos colexios do Piñeiriño, Anexo A Lomba e Sagrada Familia, na Praza de Abastos, no Paseo Marítimo, (na zona do parque infantil de Carril), na Praia Compostela e no piñeiral da Concha.
Esta nova remesa de aparcabicis súmase ás xa instaladas previamente, como as das prazas de Ravella ou Galicia e implementaranse en breve cos equipamentos tamén incluídos nos respectivos proxectos das ciclovías e no dos camiños escolares seguros.
Este tipo de actuacións forma parte da estratexia marcada polas diferentes directrices europeas para avanzar cara economías baixas en niveis de redución de CO2, neste caso, potenciando nas cidades o uso da bicicleta como medio de desprazamento ecosaudable alternativo aos vehículos de combustión. Con este obxectivo, o Concello de Vilagarcía desenvolve dende hai anos medidas para poñer os medios e as infraestruturas necesarias que permitan aos cidadáns usar a bicicleta de forma cómoda e segura. A ampliación do servizo de préstamo de bicicletas, ter unha rede de ciclovías e lugares onde deixar aparcada a bici de forma segura, son algunhas delas.
Alerta