19 agosto, 2021
O Concello xa colaborou nunha campaña humanitaria similar en setembro de 2015 cando se desatou o conflito bélico en Siria.
Dende maio de 2017, polo piso de acollida do Concello pasaron un total de 44 persoas protexidas internacionalmente.
Ademais de ofrecerlle aloxamento e manutención, a través de Cruz Vermella ofrécense recursos e ferramentas para facilitar a súa integración socio-laboral.
O Concello de Vilagarcía ofrécese como municipio acoller para os refuxiados sirios que están a fuxir do seu país ante o avance das forzas talibáns e a marcha das forzas militares estadounidenses. Para a posta en práctica desta medida humanitaria, o Concello conta cun piso de acollida xestionado a través de Cruz Vermella polo que, dende a súa posta en marcha en maio de 2017, pasaron 44 persoas (15 familias) de diferentes nacionalidades que contaban con protección internacional.
Esta non é a primeira vez que o Concello de Vilagarcía se propón como municipio acolledor para refuxiados internacionais, posto que xa o fixera en setembro de 2015 cando o conflito bélico en Siria propiciou a dramática fuxida en masa cara Europa de milleiros de familias sirias.
Neste caso, o Concello conta xa coa experiencia do funcionamento do convenio de colaboración asinado con Cruz Vermella que, ademais de xestionar o piso municipal, tamén se encarga de proporcionar a estas persoas os recursos e as ferramentas necesarias para que poidan integrarse social e laboralmente no noso país. O Concello pon o piso e financia os gastos e a organización social cubre as necesidades básicas dos destinatarios do programa e préstalles atención social individualizada do tipo de alfabetización e aprendizaxe do castelán, acompañamento para a obtención de documentación e elaboración dun itinerario de inserción socio-laboral.
Alerta