30 octubre, 2024
A Asociación de Hostaleiros de Porriño (AHOSPOR), en colaboración co Concello do Porriño e a Xunta de Galicia, presentou hoxe unha nova edición da ruta de petiscos e tapas DGusta Porriño. Este evento gastronómico, que se celebrará todos os venres e sábados de novembro, comezará esta fin de semana e ofrecerá aos asistentes unha oportunidade única para gozar da rica oferta culinaria da vila.
Durante o mes de novembro, de 19 a 23 horas, os 29 establecementos que forman a ruta ofrecerán unha selección de petiscos e tapas a só 1 euro. A variedade de propostas garantirá que haxa opcións para todos os gustos, incluíndo alternativas veganas.
Como en edicións anteriores, os participantes terán a oportunidade de gañar premios. Por cada petisco ou tapa que proben, recibirán un selo no seu “pasaporte” especial. Ao completar catro selos, entrarán no sorteo dun bono de 500 euros e 10 bonos de 50 euros para gastar na hostalería e o comercio local do Porriño. Cantos máis selos consigan, máis oportunidades terán de gañar.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, quixo agradecer “o esforzo de todos os bares e restaurantes que fan posible este evento único. Grazas á súa implicación e á calidade que das súas elaboracións, non só nos ofrecen unha degustación, senón tamén unha experiencia que permite coñecer e gozar a nosa vila a través da gastronomía”.
Alerta