Etiqueta negra. Fonte: Concello
30 noviembre, 2021
Tras o parón obrigado pola Covid, a feira do gourmet galego volve os días 10, 11 e 12 de decembro con más ganas que nunca e contará coa presenza dun centenar de produtores.
Degustacións, cociña en vivo, catas comentadas, presentacións de produtos e outras moitas actividades sucederanse durante os tres días de feira.
Tras o parón obrigado pola Covid o pasado ano, a cidade de Pontevedra volverá a converterse no epicentro do gourmet galego coa celebración da feira profesional Etiqueta Negra. Gourmet galego e innovación inspiradora que este ano celebra a súa quinta edición. Profesionais, produtores e consumidores daranse cita o venres 10, o sábado 11 e o domingo 12 de decembro no Recinto Feiral da cidade do Lérez co obxectivo de coñecer as tendencias do sector, establecer novos contactos comerciais, difundir a excelencia dos nosos produtos e saborear Galicia.
Impulsada pola concellaría de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, que dirixe a socialista Yoya Blanco, Etiqueta Negra é xa unha cita consolidada para empresas e produtores do sector gourmet galego, profesionais da alimentación, da restauración e da distribución así como consumidores que valoran o que comen. O evento foi presentado esta mañá no Gastroespazo do Mercado de Abastos nun acto que estivo protagonizado pola propia Blanco; o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; a deputada provincial Ana Laura Iglesias, e o Trade Marketing manager para Galicia de Estrella Galicia, Pedro Pasteur, ao que tamén asistiron o concelleiro Xaquín Moreda; a vicedirectora do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Carlos Oroza, Pilar Tallón; o Estrella Michelin Iñaki Bretal, chef do restaurante O Eirado da Leña, e Miguel Ángel Becerra, de Estrella Galicia.
No transcurso deste acto, que se pechou cun Almorzo Etiqueta Negra servido polo barista e expositor Gonzalo Rodríguez Acuña, do Club del Café, que preparou en vivo uns cafés que se serviron acompañados de produtos doutros expositores (Via Nai, Natural Snack Lab, Xacobleas e Alcrique), Yoya Blanco, que fixo de mestra de cerimonias, salientou que “este ano teremos como novidade unha cafetería con estrela, porque dela vaise encargar Iñaki Bretal” e agradeceu o traballo desenvolvido polas empresas organizadoras para facer de novo realidade esta Feira do Gourmet Galego.