Volve o Desafío Boot Camp Race á praia de Samil

Compartir

Volve o Desafío Boot Camp Race á praia de Samil, agora cun milleiro de participantes e billete para o Mundial

 

A carreira de referencia en Galicia cuns trinta ou trinta e cinco obstáculos -haberá moitos diferentes respecto a 2019-, volve de xeito físico á praia de Samil este domingo 3 de outubro (10:00 horas) despois dunha edición de 2020 que tivo carácter virtual.

 

Onte martes, na sala de Prensa da Praza do Rei, o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, presentou a 7ª Boot Camp Race acompañado por dous membros da organización, David Suárez e Mónica Fernández.

 

“Quérennos”, resumiu a organización. Porque hai uns 1.200 inscritos e inscritas entre as categorías elite, popular, kids e o dorsal solidario. A organización valorou este dato por que indica que “non nos esqueceron”.

 

O edil de Deportes, Manel Fernández, felicitou aos responsábeis da loxística polo seu traballo. A proba, no tradicional circuíto destes anos no areal, que fai un “oito” en Samil, terá ata trece horarios de saída distintos para evitar aglomeracións, con quendas de dez deportistas como esixe a normativa da autoridade sanitaria.

 

Cun cento de nenas e nenos de 8 a 12 anos, a categoría máis numerosa será a popular (máis de 700 inscricións) e entre a popular e a Elite, puntuable para o Europeo, para o circuíto galego (a derradeira proba), a Liga Española de Carreiras de Obstáculos e que clasifica para o Mundial de EE UU 2022, hai “un 40% de participantes de Portugal, León, Bilbao ou Madrid”, amosando o carácter ibérico do campionato nacido no 2015.