4 noviembre, 2024
A primeira das entregas de “Contos que curan”, o programa de biblioterapia impulsado pola Biblioteca do Porriño, xa está na rúa. Trátase do dirixido a traballar cos nenos e nenas a Morte e o loito.
A morte representa a experiencia máis incomprensible para o ser humano. E a pesar de ser un feito tan natural como a propia vida, adoitamos roela de medos e interrogantes, dor e frustración, emocións e sentimentos negativos que acaban por superarnos. Quizais por iso acabamos converténdoa nun tabú.
Aos nenos e nenas cústalles máis. Moito máis, porque non están aínda preparados para comprender que é algo inevitable, irreversible e permanente. Ademais, os adultos tentamos evitarlles o sufrimento caendo moitas veces na sobreprotección, nas mentiras piadosas, ocultando as emocións, promovendo os silencios: a pesar das boas intencións, non estamos a facerlles ningún ben. Poderíamos aproveitar estas experiencias para que aprendan a xestionar as próximas situacións de perda que necesariamente van ter que afrontar no futuro.
Como facelo? É difícil, pero unha opción é acompañar na dor, falar con sincenridade, dialogar sobre os sentimientos, explicar as diferentes etapas do loito, responder ás dúbidas e favorecer a comunicación mutua para que así poidan crecer emocionalmente fortes. Lerlles contos axeitados tamén pode facilitar as cousas. Porque os contos non curan por si mesmos, pero poden axudarnos a axudarlles.
Para iso a Biblioteca do Porriño propón unha selección de lecturas. Historias que abordan a morte e o loito desde distintos puntos de vista e para distintos grupos de idade. Aínda que están clasificados por máis categorías para afinar a busca e facilitar a escolla (a morte en xeral, a morte dos avós, pais/nais, amigos e tamén mascotas), non se trata dunha división ríxida: o universo da infancia é o suficientemente complexo e imaxinativo para etiquetalo tanto.
Por iso, desde o Concello do Porriño animamos ás familias a bucear con mente aberta entre as distintas propostas de lectura que se formulan neste primeiro boletín de Contos que curan e esperamos que lles resulten moi útiles. Pode conseguirse na Biblioteca, no Centro Cultural e tamén se distribuiron a centros escolares e asociacións. Pero para que ninguén quede atrás está dispoñible en formato dixital listo para descarga na web da Biblioteca Municipal: https://bibliotecadoporrino.com/contos-que-curan/
Alerta