13 agosto, 2021
O último grupo do campamento medio ambiental para rapaces de 8 a 11 anos remata hoxe cun acto e entrega de diplomas na Praia da Concha
Os distintos campamentos de verán organizados este ano pola Concellería de Xuventude chegan hoxe ao seu fin coa clausura da actividade do último dos grupos do campamento medioambiental para nenos de 8 a 11 anos. Ao longo dos meses de xullo e agosto foron desenvolvéndose o conxunto das actividades (campamentos urbanos, medio ambientais e eco-artísticos) programados para dar unha alternativa de ocupación do tempo libre á rapazada de 3 a 16 anos e tamén para contribuír á conciliación socio laboral das familias. En total, participaron nestas actividades 90 nenos e mozos.
Hoxe será a última xornada dos campamentos urbanos de verán para cativos de 3 a 7 anos que se desenvolveron nos colexios Arealonga e Piñeiriño e nos que participaron 42 nenos divididos en grupos, tal como establecen os protocolos covid. Pero a clausura oficial do programa terá lugar este mediodía no Piñeiral da Praia da Concha onde o último dos grupos dos campamentos medio ambientais para nenos de 8 a 11 anos realizará as últimas actividades e onde se procederá a entrega de diplomas.
Ao longo de 10 días, os participantes neste campamento realizaron actividades ambientais, culturais, creativas e lúdicas que se levaron a cabo en espazos naturais e zonas monumentais de Vilagarcía co obxectivo usar o divertimento e o xogo como medio para educar na protección e o coidado do medioambiente e o patrimonio natural e cultural. Unha parte importante do programa consistiu na realización de visitas guiadas para afondar no coñecemento dos recursos de Vilagarcía, como a ruta interpretativa a Cortegada, as visitas ao Castro de Alobre, á Praza de Abastos, aos parques de cultivo de ameixa e ao refuxio municipal de animais que xestiona a Asociación Protectora de Animais, entre outras.
No campamento eco-artístico “Naturarte”, os asistentes aprenderon a realizar trucos de maxia, participaron nos obradoiros de lutiers e de banda deseñada, realizaron actividades de teatro e danza e interpretaron música cos instrumentos fabricados por eles mesmos.
Alerta