14 diciembre, 2021
Os máis pequenos poderán fotografarse con Papá Noël e deixarlle as cartas cos seus desexos na carpa instalada en Raíña Vitoria os días 21, 22 e 23 de decembro.
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, inaugurará este venres na Praza do Teucro a espectacular ambientación de fantasía que narrará o Conto de Nadal de Pontevedra, protagonizado polos comercios locais da cidade e creado para darlles visibilidade e incentivar as compras neles nestas datas tan significativas.
Entre o mobiliario de Nadal que poderán atoparse os pontevedreses que se acheguen ata este relato de fábula, (no que aparecerán os nomes dos distintos establecementos participantes cun produto ou servizo que desexen destacar), inclúese un buzón no que os clientes poderán depositar as participacións entregadas polos negocios adheridos á campaña, tomando así parte nun sorteo de dez cheques regalo por valor de 25 euros cada un para trocar por artigos e servizos en calquera dos establecementos. Dito sorteo terá lugar na Casa da Luz o día 7 de xaneiro e os gañadores serán notificados por vía telefónica.
Aínda que a historia estará exposta durante toda a campaña, (ata o 6 de xaneiro), aquelas persoas que se acheguen ata a Praza do Teucro para visitar a mostra do Conto de Nadal de Pontevedra terán as opcións de lela ou escoitala, ao dispoñerse dunha guía audiolibro cun código QR que, ao escanearse, reproducirá a historia en audio. Ademais, haberá seis días nos que se celebrarán sesións de Contacontos a cargo da empresa ‘Onde viven os contos’ para que os máis pequenos poidan vivilo e desfrutalo como se dun espectáculo se tratase:
Sábado 18 de decembro: 17:30 horas.
Domingo 19 de decembro: 17:30 horas.
Xoves 23 de decembro: 17:30 horas.
Domingo 26 de decembro: 17:30 horas.
Venres 31 de decembro: 12:30 horas.
Martes 4 de decembro: 17:30 horas.
A firma Sra. Nona Brand vén de iniciar os traballos de ambientación e montaxe do Conto de Nadal na Praza do Teucro. Toda a información sobre a campaña pode atoparse na web do Concello de Pontevedra a través do enlace www.pontevedra.gal/contodenadal.
Por outra banda, Yoya Blanco anima a tódolos nenos e nenas de Pontevedra a achegarse ata a carpa instalada na rúa Raíña Vitoria para deixarlle as súas cartas a Papá Noël e sacar unha fotografía con el. Poderán facelo nos seguintes días e horarios:
– 21 de decembro, de 16:00 a 21:00 horas
– 22 e 23 de decembro, de 11:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas
Alerta