A Economía Social e Solidaria invade novamente ás rúas de Cangas do Morrazo

Compartir

O Concello de Cangas acolleu esta mañá a presentación da quinta edición da Mostra do Posible, a Feira da Economía Social e Solidaria que reúne en Cangas do Morrazo unha parte ven representativa do tecido social galego. No acto contouse coa presenza de Victoria Portas, Alcaldesa de Cangas do Morrazo, e David Esperón, presidente de Reencanto Producións.

Tras a gran acollida o ano pasado da ESCOLA DAS ECONOMÍAS TRANSFORMADORAS, tanto o Concello como os organizadores acordaron acometer a súa segunda edición. Terá lugar as tardes do xoves 16, venres 17 e a mañá do sábado 18 no salón de plenos do Concello, destinando a tarde de sábado para unha visita ao Verxel de Coiro unha horta de producción agroecolóxica. En cada sesión intervirá un relator cun perfil académico específico, acompañado dunha experiencia práctica de economía transformadora dende a economía social.

O xoves o doutor en física teórica e investigador do CSIC Antonio Turiel falará sobre o a crise enerxética global e dos retos para a transición. A súa ponencia estará complementada coa participación da Rede de Economía Alternativa e Solidaria de Galicia cunha presentación do Mercado Social Galego.

O venres Pilar Alguacil, Catedrática en Dereito Financieiro e Tributario e directora da Cátedra de Cooperativas Agroalimentarias e da aula de emprendemento en economía social e sostible na Universidade de Valencia, falará sobre a fiscalidade como política de fomento da Economia Social. Despois dela abrirase unha palesta sobre as Moedas Sociais onde participaran entre outros o promotor da Sabia Moeda Social Galega.

O sábado de maña Alicia Valero, Doutora inxeñeira química na Universidade de Zaragoza e directora do grupo de investigacion en ecoloxía industrial no Instituto CIRCE, disertará sobre a delicada situación dos materiais minerais no planeta e a madurez na xestión dos mesmos. Nesta ocasión estará acompañado por Begoña de Bernardo, presidenta da Asociación Véspera de Nada.

Para rematar, na xornada na tarde do sábado 18 o Doutor en Educación pola USC, Kylyan Marc Bisquert presentara o seu traballo sobre a dimensión socioeducativa do movemento agroecolóxico en Galicia e se fará unha visita guiada a horta agroecolóxica “O Verxel de Coiro”.
A Escola das Economías Transformadoras será presencial para un grupo limitado de persoas. Aínda que xa non é posible a inscrición, na presentación desta mañá os organizadores avanzaron que as persoas interesadas poderán acceder nas vindeiras semanas ás ponencias que se publicarán en internet.

Pola súa banda, a 5ª edición da MOSTRA DO POSIBLE terá lugar, os próximos sábado e domingo, 25 e 26 de setembro. Como outros anos, a Alameda Nova encherase de postos nos que achegarse ás cooperativas da Economía Solidaria e ás propostas dos colectivos sociais. Nesta edición 25 entidades, como SOS Racismo Galicia, Amarelante S.Coop Galega, Ecoloxistas en Acción, Catro Ventos editora ou as Colonias Canguesas, confirmaron a súa participación.

Coma sempre a mostra terá unha ampla programación cultural para esta fin de semana. Achegaranse a Cangas O Baul da Tía Tola co seu novo espectáculo de teatro para crianzas. Tamén haberá varios obradoiros de saúde e bioconstrucción. As actuacións musicais serán a cargo da banda de son “A lo Cubano”, o grupo “Dous” e da cantautora viguesa Su Garrido Pombo. Ademais do luxo que supón gozar con estes grandes artistas, desde a organización consideran importante apoiar ás persoas da cultura nestes momentos de transición pola COVID.

Cabe sinalar que estes proxectos organizados polo Concello de Cangas e coordinados pola asociación Reencanto Producións enmárcanse no programa de actuación 2021 da Rede Eusumo, unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.