9 septiembre, 2021
Familia Caamagno, Conjunto! Evite, Silvia Penide e Barry White Gone Wrong actuarán para o público xeral na segunda xornada do Encontro Profesional de Músicas no Miño
As tres xornadas do MUMI 2021 Encontro Profesional das Músicas no Minho arrancaron o xoves 9 coa benvida aos profesionais inscritos por parte da organización e dos concelleiros de Cultura de Tui e Valença, Sonsoles Vicente e Mário Rui de Oliveira respectivamente. A área profesional do MUMI, localizada na Escola Superior de Ciencias Empresariais de Valença, acolleu ademais na primeira xornada un faladoiro que reuniu a dúas entidades centradas nos direitos dos artistas: a SGAE, representada polo músico Teo Cardalda, e a Fundaçao GDA, pola que participou Eduardo Simões, o seu director xurídico. A música ao vivo puxérona os galegos Oîma e os portugueses José Valente e The Guit Kune Do.
O MUMI está patrocinado pola Eurocidade Tui-Valença a través do proxecto Unicidade; tamén apoian o MUMI 2021 a Direção Regional de Cultura do Norte e a Xunta de Galicia así como a Fundação GDA, Fundación SGAE, Deputación de Pontevedra, Bodegas Martín Códax, Gadis e Mel: Piquenique das artes! A choiva intermitente do xoves fixo que os concertos programados para a tarde nas rúas de Tui pasaran ao Teatro Municipal desta localidade. A banda portuguesa Cassete Pirata e os galegos O Sonoro Maxín precederon no recinto á Orquestra Galego-Portuguesa de Liberación, o espectáculo inaugural do MUMI 2021. Un proxecto que se formula como unha extensión natural da Orquestra Galega de Liberación, baixo a dirección de Xacobe Martínez Antelo e que se estrea no MUMI.
Música na rúa o venres 10
Así mesmo o venres 10 están previstos tres faladoiros: “Festivais: creando experiencias arredor da música”, que contará coa participación de Julio Gómez (Festival Sinsal) Luis García (Artes á Rúa) e Jordi Lauren (SON Rías Baixas), entre outros; na mesa “Diferentes fórmulas de apoio á cultura” participan Rosa Bugallo ( Bodegas Martín Códax), María Teresa Cores Fernández (Afundación), João Ribeiro da Silva (Direçao Regional de Cultura do Norte) e Francisco Madelino (Inatel). O último faladoiro do venres 10 titúlase “As salas de concertos, un referente no sector” e congregará a responsables de salas galegas e portuguesas, especialmente afectadas pola crise da COVD19. Durante a mañá o as persoas asistentes terán oportunidade de participar en speed meetings que servirán para poñer en contacto a profesionais e empresas que operan en Galicia e Portugal. A previsión metereolóxica do venres 10 permite levar a música ao vivo ás prazas de Tui: así pola tarde Silvia Penide e Conjunto! Evite actuarán na Praza de San Fernando. A banda portuguesa Barry White Gone Wrong e a galega Familia Caamagno farán o propio no Teatro Municipal de Tui. A xornada cerra cun concerto só para profesionais de emmy Curl, a artista nacida como Catarina Miranda en Vila Real de Trás-os-Montes, na aurora da década de 90 e que está a ser unha das revelacións músicais portuguesas no último ano.
Alerta