27 julio, 2024
Sergio de Miguel Trío e o quinteto ‘Alto for Two’ abriron oficialmente este venres o festival, sendo esta noite o turno dos auténticos ‘nenos prodixio’ Martin Verde Quintet primeiro e Arcarazo&Perramon de segundo
Os músicos europeos máis prestixiosos do momento protagonizan desde onte o Nigranjazz, festival do Concello de Nigrán que este ano celebra a súa maioría de idade no escenario ao aire libre do esteiro de A Foz. As saxofonistas Kika Sprangers e Irene Reig, lideresas do quinteto internacional ‘Alto for Two’, abriron onte esta décimo oitava edición precedidas do trío do pianista vigués e residente en Chicago Sergio de Miguel, auténtico ‘neno prodixio’ graduado en Berkelee e recoñecido aos 20 anos entre os máis destacados músicos de jazz de EEUU.
Hoxe sábado o esteiro de A Foz volverá a ser o epicentro do mellor jazz co guitarrista nacido en Ourense, residente en Chicago e formado en Amsterdan Martín Verde, que abrirá a noite co seu quinteto para dar paso ao cuarteto dos mozos cataláns Camil Arcarazo (guitarra) e Marçal Perramon (saxo), outros ‘nenos prodixio’ do jazz que comezaron de cativos e que, como Martín Verde, con menos de 25 anos, están considerados entre os mellores de Europa tras terse formado estes últimos no Jazz Campus de Basilea (Suíza).
Neste evento do Concello de Nigrán colabora un ano máis a Deputación de Pontevedra a través do Plan + Provincia e o patrocina a marca local Cervexas Banda.
Historia do festival
O Nigranjazz cumpre 18 anos sendo o festival máis lonxevo organizado dende o Concello de Nigrán e o único adicado ao jazz de toda a comarca do Val Miñor. Actualmente está considerado entre músicos, afeccionados e prensa especializada como un dos mellores do noroeste peninsular debido á calidade dos artistas que nel participan. A diferenza doutros festivais, aposta por un jazz puro, lonxano das vangardas.
Sempre con entrada gratuíta, celébrase no espazo clasificado na Rede Natura do esteiro de A Foz, na Ramallosa, dende que en 2007 o impulsasen veciños de Nigrán entusiastas desta música, manténdose activos na organización co músico Felipe Villar á cabeza. Desde entón, conseguiuse achegar a Nigrán a algúns dos mellores artistas a nivel internacional, por el desfilaron, entre outros, Peter Bernstein, Gilad Hekselman, Bill McHenry, Jorge Rossy, Marteen Hogenhuis, Joe Martin, Chris Cheek,Kurt Rosenwinkel, Jean Michel Pilc, Eve Cornelious…
Pero non hai que esquecer que o festival é tamén un espazo para os cada vez máis e mellores músicos de jazz galegos, así, é xa tradición que se integren nas formacións internacionais músicos locais, compoñendo agrupacións en exclusiva para o evento e dando a oportunidade aos músicos de aquí de presentar os seus traballos.
Alerta