A constructora J.M. Iglesias executará a obra da rúa Sobrán

Compartir
Concello de Vilagarcía de Arousa, Fonte: Visit Vilagarcia

A proposta de adxudicación dos traballos por importe de 470.900 aprobarase na Xunta de Goberno do luns.

 

A Mesa de Contratación vén de propoñer á adxudicación das obras de Humanización e Renovación de Servizos da Rúa Sobrán, en Vilaxoán, á empresa J.M. Iglesias, ao ser a súa a oferta que obtivo maior puntuación entre as doce que se presentaron á licitación pública. O contrato, a adxudicar o luns na Xunta de Goberno Local, firmarase por importe de 470.900 euros, o que supón unha rebaixa no prezo de licitación de 129.100 euros. Ademais da parte económica, a empresa ofertou como mellora a ampliación en 12 meses do prazo de garantía da obra, que pasa a ser de 2 anos.

Con esta actuación, o executivo socialista acondicionará unha rúa que sufre un grave deterioro, tanto estético como funcional, e mellorará considerablemente a accesibilidade na vía, así como a prestación dos servizos básicos á veciñanza. No en van, o proxecto de Humanización e Renovación de Servizos da Rúa Sobrán é un dos máis importantes que o Concello ten previsto levar a cabo no actual mandato, tanto en investimento como no que ao calado dos traballos a realizar se refire. Ademais, a execución a obra é un compromiso adquirido polo Goberno de Alberto Varela cos veciños desta zona de Vilaxoán, que sofren dende hai tempo as incomodidades do mal estado da rúa e das obsoletas canalizacións dos servizos, que rompen de forma asidua causando cortes de auga, así como cortes de tráfico por afundimentos e aparición de buracos na calzada

O proxecto ten dous ámbitos de actuación: Por un lado, prevé todo o que é a obra baixo terra, é dicir, a renovación das redes de abastecemento de auga, saneamento e alumeado, así como a instalación das canalizacións para soterrar os cableados de telecomunicacións e tendido eléctrico; e por outro, reformará toda a superficie da calzada, adaptándoa a criterios de accesibilidade e seguridade viaria e mellorando a súa estética.

 

Mellora da contorna histórica

A actuación prevista afecta aos 700 metros de rúa comprendidos entre os semáforos da igrexa na avenida de Vilanova, ata o cruce que leva ao colexio de Faxilde. No primeiro tramo, a intervención adaptarase aos criterios establecidos por Patrimonio ao enmarcarse na contorna dos bens históricos protexidos do Pazo (construído no século XV), e da igrexa de San Martiño de Sobrán, (do XII). Aquí, a pedra será o elemento principal a utilizar na reforma, aplicándose en forma de lousas na parte dedicada a beirarrúas, e de adoquíns no que é a zona de circulación. No segundo tramo, onde xa só existen vivendas actuais, utilizarase o formigón fratasado para as beirarrúas e asfalto para a vía.

A accesibilidade predominará en toda a actuación. Para garantila, toda a calzada irá a un mesmo nivel (beirarrúas e carril de circulación formarán unha mesma plataforma, diferenciándose polos materiais de construción), e o límite de velocidade reducirase aos 20 quilómetros por hora, seguindo a normativa para este tipo de vías.

Unha vez aprobada a adxudicación, a empresa deberá presentar a documentación necesaria para firmar o contrato e, a partir de aí xa se pode programar o inicio das esperadas obras que teñen un prazo de execución de 6 meses.