Demoday. Fonte: Deputación
3 noviembre, 2021
Trátanse de catro iniciativas emprendedoras lideradas por mulleres de Lalín, Tomiño, A Illa de Arousa e Vigo centradas na sustentabilidade, dixitalización, inclusión e valoración do patrimonio cultural e territorial.
Os catro proxectos participantes no II Programa de Apoio ao Emprendemento no Rural, que a Deputación de Pontevedra promove da man da Fundación Roberto Rivas, veñen de ser presentados hoxe na xornada “demoday”. Son catro iniciativas lideradas ao 100% por mulleres de Lalín, Tomiño, A Illa de Arousa e Vigo centradas na sustentabilidade, dixitalización, inclusión e valoración do patrimonio cultural e territorial.
Durante o “demoday”, as catro mulleres protagonistas do II Programa de Apoio ao Emprendemento no Rural deron a coñecer as súas iniciativas da man das súas mentoras/es nun acto no que tamén se puido escoitar a música de Catuxa Salom. Deste xeito, Manuela Fernández, de A Illa de Arousa, presentou o seu proxecto de transformación do “turismo empaquetado nunha experiencia única e harmoniosa na que se entende o ocio de xeito diferente”. Pola súa banda Sheila Dorrego, de Tomiño, deu a coñecer “Alen do Minho”, unha iniciativa “centrada na posta en marcha dunha axenda cultural e de lecer que recompila actividades da beira galega e portuguesa do Miño”. No caso de Johanna Medina, de Lalín, amosou os seus deseños “sostibles e exclusivos feitos a man, apostando pola artesanía e o emprego de materiais naturais”. Finalmente Mireia Murgoitio, de Vigo, amosou a súa iniciativa de “acompañamento de empresas e particulares nos procesos de dixitalización”.
Amais de dar a coñecer os proxectos emprendedores, coa xornada “demoday” implicouse tamén ao público e potencial clientela, con preguntas e comentarios sobre as iniciativas presentadas. Ademais trala quenda de exposicións lanzáronse preguntas a través da ferramenta “menti” para crear nubes de etiquetas de cada un dos proxectos emprendedores. A partir de agora e ata decembro, mes no que terá lugar o remate da segunda edición do Programa de Apoio ao Emprendemento no Rural, canalizarase o feedback recibido durante o “demoday” para mellorar as iniciativas empresariais, que seguirán recibindo formación sobre as habilidades e destrezas necesarias para xestionar a posta en marcha e desenvolvemento dun proxecto emprendedor.
WhatsApp us