30 octubre, 2021
O audiovisual da campaña de turismo 2020, que competía con 51 audiovisuais de todo o mundo, logra o galardón ao mellor film promocional dun destino.
O audiovisual turístico da Deputación de Pontevedra “Sigue o teu instinto”, peza central da campaña promocional do destino Rías Baixas ,Pontevedra Provincia en 2020, continúa o seu paso triunfal polo circuíto de festivais internacionais. A cinta vén de ser premiada na categoría “International Promotional Films” do ART&TUR, Festival Internacional de Cine de Turismo, como mellor film promocional dun destino, galardón que recolleu este venres en Aveiro a deputada de Turismo Ana Laura Iglesias. Con esta nova distinción xa son nove os recoñecementos de “Sigue o teu instinto”, que se suman aos 14 da súa predecesora en 2019, Fame de Experiencias, o que afianza aos audiovisuais turísticos da Deputación entre os mellores do mundo e volve a situar ao noso destino no panorama internacional.
O ART&TUR, Festival Internacional de Cine de Turismo, celebrado en Aveiro, premiou á peza da Deputación protagonizada pola actriz Celia Freijeiro na categoría “International Promotional Films”. Competindo con ela, entre 51 audiovisuais de todo o mundo, resultaron finalistas “Valencia, destination of the Holy Grail, España”, “The Home of humanity ,Sudáfrica”, “World Masters Game 2025 PR Movie (Short Version), Taiwán”, “Prayer, Japón”, “Two deaf Travellers, Reino Unido”, “Encouraging social well being from individual activity, Chile”, “Making the world a more accesible and friendly place, Chile” e “Tamsui Kavalan Trails Trilogy, Taiwan”.
O novo recoñecemento a “Sigue o teu Instinto”, producida por Esmerarte Industrias Creativas, premia á cinta de carácter intimista centrada en aspectos relacionados coa natureza, o turismo de benestar, a sustentabilidade e o medio ambiente, en liña coa aposta da institución provincial polos ODS e a Axenda 2030. Recolle tamén cuestións relacionadas co respecto aos animais e á fauna, a acción ecolóxica cidadá e institucional, e a oferta de turismo rural, activo e de aventura na provincia de Pontevedra.
Recoñecemento aos audiovisuais turísticos da Deputación
O ART&TUR forma parte do CIFFT Circuit, unha prestixiosa competición a través de 14 festivais audiovisuais especializados no sector turístico na que son premiadas as consideradas mellores pezas do ano en todo o mundo. O vídeo promocional de “Fame de Experiencias?”, campaña turística da Deputación que precedeu a “Sigue o teu Instinto”, colleitou un extraordinario palmarés dentro deste circuíto, con 14 premios internacionais. O éxito ao longo destes anos dos audiovisuais da Deputación certifica o recoñecemento á calidade das promocións turísticas da institución nos festivais internacionais do sector.
Alerta