A Federación Española de Loita Feminina recibe os parabéns da Deputación de Pontevedra.

Compartir

As deportistas e técnicas da selección nacional feminina de loitas olímpicas das categorías absoluta, sub 2 e junior foron acollidas esta mañá por Carmela Silva, que se amosou “orgullosísima do deporte da provincia e, particularmente, das mulleres, que son as que nos están a dar os maiores éxitos na provincia, en Galicia, no Estado e na Unión Europea”.

 

A presidenta da Deputación fixo fincapé na maior dificultade que teñen as mulleres no deporte e, como consecuencia, no maior esforzo que teñen que facer, para instar ás rapazas da selección a sentirse orgullosas, “porque sodes unha grande referencia e exemplo para outras nenas e mozas que queiran practicar o deporte. É unha marabilla ter mulleres tan potentes na provincia”.

 

Pola súa banda, Aurora Fajardo (seleccionadora nacional feminina absoluta) agradeceulle ao ente provincial o apoio e a boa benvida que lle brinda sempre e ás deportistas o seu esforzo continuo. Amais, en representación de todas as súas compañeiras, a 18 veces campioa en España en todas as categorías de idade, Lydia Pérez, subliñou a importancia das axudas DepoDan, que “constitúen unha parte moi importante cara a nosa preparación a diferentes eventos”.