A Fundación Amigos de Galicia cambia a directiva do Padroado Reitor

Compartir

Na Asemblea Xeral Extraordinaria celebrada o pasado luns desenvolvéronse as eleccións a Presidente/a e Secretario/a da Fundación Amigos de Galicia a través de videochamada, por vencemento dos anteriores cargos do máximo do mandato establecido nos estatutos da entidade.

 

Presentándose unha candidatura para cada mandato e sendo aprobadas por unanimidade, resultaron elixidos como Presidente da mesma o Doutor D. Ramiro José F. Varela Cives; e como novo secretario o psicólogo Xoán Carlos Portos Olveira.

 

A entidade nomea ao Doutor Presidente, tendo en conta a súa experiencia como tesoureiro e secretario da mesma -este último, cargo que ocupaba ata a actualidade-; así como pola súa enorme implicación en beneficiar ás persoas en situación de risco de exclusión social da nosa sociedade.

Ramiro Varela trasladou durante a Asemblea o seu agradecemento a Miguel Villar Costoyas, antigo Presidente da entidade, pola súa acollida e manifestou que traballará por “trasladar o mellor posible o labor realizado pola Fundación Amigos de Galicia coa seguridade de que conto coa colaboración do Director Xeral, Jesús Busto Peteiro, e con todo o persoal inmensamente colaborador”. Pola súa parte, o novo Secretario Xoán Carlos Portos Olveira, socio con 31 anos de antigüidade na entidade asegurou que “leva moitos anos implicado coa entidade participando activamente de toda a actividade en beneficio das persoas en situación de vulnerabilidade”.

 

Cabe destacar que durante a Asemblea os patronos e patronas tamén quixeron recoñecer a importante labor realizado polo anterior presidente, o silledense Miguel Villar Costoyas; que tras esgotar os dous mandatos establecidos nos Estatutos da entidade asegurou que “ábrese unha nova etapa para o novo presidente, que estou seguro de que vai estar ao máis alto nivel, dando continuidade e prestixio a esta gran entidade; e ofrézolle todo o meu apoio tal e como fixestes comigo”.

 

Así mesmo, o Padroado tamén aprobou durante a Asemblea nomear a Ángeles Rodríguez González, subdirectora de Administración e Gestión e a Paula Chapela Bamio, subdirectora de Comunicación e Recursos Humanos.