A Fundación recupera a actividade física para adultos a partir do 8 de novembro con dúas novas propostas

Compartir
Fundación de Deportes. Fonte: Fundación.

Impartirase unha clase de acondicionamento físico en xeral, con contidos activos, e outra de movemento intelixente orientada a estiramentos, relaxación e corrección postural.

Desenvolveranse en novembro e decembro e a asistencia será de balde, previa inscrición na sede da Fundación ou a través do correo electrónico.

O prazo para anotarse ábrese o martes, 2 de novembro.

 

Tras o parón da pandemia, a Fundación Municipal de Deportes do Concello de Vilagarcía recupera a partir do 8 de novembro as actividades físicas para adultos. A volta á normalidade farase de forma gradual, cunha primeira etapa, ata finais de ano, na que se impartirán dúas únicas actividades adaptadas ás condicións dos asistentes: Acondicionamento físico xeral e Movemento intelixente. A asistencia será de balde, pero será necesario apuntarse previamente, trámite que os interesados poderán realizar a partir do 2 de novembro na sede da Fundación, sita en Fexdega, ou a través dos enderezos electrónicos fdactividades@vilagarcia.gal ou torneosdeportes@vilagarcia.gal

A proposta destas dúas únicas actividades a realizar ata finais de ano débese a dúas razóns: A primeira a de cubrir estes dous meses que quedan do ano con actividades sen necesidade de ter que tramitar o carné da Fundación por este período para ter que volver a facelo en xaneiro. E a segunda, facilitar que a volta á practica deportiva, especialmente a das persoas maiores, se faga de xeito gradual e seguro tras os meses de inactividade, para o cal é necesario ir adaptando o corpo. Deste xeito, prográmase a actividade de Acondicionamento físico xeral, una clase na que se realizarán diferentes tipos de exercicios, máis ou menos activos, para ir recuperando o ton físico de aquelas persoas que se atopen nas condicións axeitadas. A actividade de Movemento Intelixente está máis orientada á realización de exercicios de relaxación, estiramentos, corrección postural e pilates.

Como se viña facendo antes da pandemia, as sesións impartiranse de luns a venres en horario de mañá e de tarde, con diferentes horarios que van das 9 ás 11 da mañá e das 17.30 ás 21.00 horas, de xeito que cada persoa poida adaptalas ás súas necesidades e obrigas. De igual forma, poderán elixir o lugar que mellor lles veña posto que se desenvolverán nos pavillóns deportivos de Castelao, Fontecarmoa e Carril, así como no centro sociocultural de Guillán e as instalacións do colexio do Piñeiriño.

Cada participante poderá anotarse a un máximo de días sesións á semana para o cal deberán inscribirse previamente a través dos medios anteriormente citados. O calendario e horarios das clases están dispoñibles nas oficinas da Fundación.

Rematado o ano en curso, recuperarase o programa habitual de actividades para o cal se abrirá o correspondente prazo de inscrición nelas así como o de tramitación do carné da Fundación de Deportes.