A oficina de turismo de Oia acolle unha exposición do artista Armando Castro

Compartir

A oficina de turismo de Oia acolle durante o mes de agosto a exposición de pintura e escultura “Paisajes en la mente”, o último traballo do artista Armando Castro.

A mostra poderá visitarse na sala de exposicións da oficina de turismo (primeiro andar do edificio situado na Praza Centinela, no barrio histórico do Arrabal) a partir do próximo domingo 1 de agosto e ata final de mes. Os horarios de apertura ao público serán luns e martes de 12.00 a 17.00 horas e o resto de días da semana (de mércores a domingo) de 10.00 a 20.00 horas.

“Paisajes en la mente” é unha serie de pinturas e debuxos en pequeno formato que comeza en 2019 e continúa ata a actualidade. É produto dunha evolución reflexiva do autor e supón un cambio profundo tanto na concepción da súa obra como no xeito de abordala.

Entre outras características, a cor negra toma relevancia e os obxectos e elementos de materia participan na propia obra. Pola súa banda, o proceso creativo baséase na improvisación: non hai estudo nin bosquexo previo.

Armando Castro (Vigo, 1959) é pintor, escultor e deseñador. Artista plástico autodidacta, individualista e introspectivo, na súa obra propón unha realidade descrita pola súa propia conciencia cunha linguaxe visual contemporánea e autónoma.