A piscina municipal de Marín, un espazo no que “volver desfrutar” do deporte e os hábitos saudables

Compartir

A alcaldesa, María Ramallo, e o concelleiro de Deportes, Antonio Traba, estiveron nas instalacións cos responsables da empresa concesionaria para coñecer a súa oferta de matriculación e mensualidade gratis durante o mes de setembro e para apoialos na captación de novos socios e socias.

A piscina será obxecto durante as primeiras tres semanas de
outubro dunha obra de mellora do seu beirado e desaugadoiro. Tamén haberá ampliación do horario e nova oferta de actividades nas salas.

 

Facer deporte, levar unha vida sá e con bos hábitos de vida é esencial. E para iso, nada mellor que anotarse á oferta que ofrece o complexo deportivo municipal de Marín. A alcaldesa, María Ramallo, e o concelleiro de Deportes, Antonio Traba, visitaron esta mañá as instalacións, ubicadas na Raña, xunto cos responsables da empresa concesionaria para apoiar a nova campaña de captación de socios que se está a levar a cabo e que se intensificará coa axuda do Concello.

 

“É tempo de volver desfrutar” é o lema escollido para esta iniciativa, coa que se pretende “animar á veciñanza que aínda non forma parte do complexo a que probe as actividades que se ofrecen e que se inicien na práctica deportiva, en solitario, con amigos ou en familia”, indicaron esta mañá responsables da empresa.

Para facilitar a incorporación de novos socios, durante todo o mes de setembro, tanto a matrícula como a mensualidade serán gratuitas, “polo que é o mellor momento para anotarse e iniciar un hábito deportivo esencial para a nosa saúde, nunhas instalacións municipais coma estas nas que, ademais da propia piscina, organízanse actividades moi interesantes”, declarou Ramallo.

A campaña estará presente en redes sociais e en mupis, así como noutros formatos de comunicación. Todos os interesados en anotarse e aproveitar a oferta de setembro, poden facelo chamando ao teléfono 986883158 ou no email info@piscinademarin.com. Tamén, na web municipal do complexo pode consultarse toda a información referente ás tarifas, ás actividades ofertadas e aos horarios:
https://www.piscinademarin.com/index.php

 

Por outra banda, a partir do 4 de outubro e ata aproximadamente o 16, a piscina pechará puntualmente porque, tal e como anunciaron Ramallo e Traba, levarase a cabo unha actuación de mellora en todo o beirado e o desaugadoiro, para substituír as actuais pezas de madeira, que se atopan moi deterioradas.

 

Ademais, a empresa adianta que de cara aos próximos meses ampliarase a oferta de actividades ofrecida e tamén haberá ampliación de horarios de apertura. Tamén está enriba da mesa a posibilidade de ofrecer aos centros educativos actividades extraescolares ou deseñar para os centros de día de maiores opcións de adestramento centradas nas necesidades deste grupo de poboación.

 

Cambios na normativa sanitaria para as instalacións deportivas

A alcaldesa e o concelleiro de Deportes aproveitaron o encontro para analizar a situación na que quedan as instalacións municipais coas novidades respecto das restricións sanitarias adoptadas polo Comité Clínico.

Por suposto, tal e como acontece desde hai un tempo, os partidos e encontros que se desputan nas instalacións municipais están abertos ao público, seguindo sempre as medidas vixentes en cada momento.

A partir de mañá, o aforo destes espazos aumenta até o 75%, pero será preciso seguir mantendo a distancia entre NON convivintes de 1,5 metros. Polo que, cumprindo con ambas esixencias, os aforos das instalacións en Marín quedarían do seguinte xeito:

● Estadio Municipal da Raña: 180 persoas
● Estadio Municipal de San Pedro: 150 persoas
● Pavillón do Sequelo: 90 persoas
● Pavillón da Cañota: 80 persoas