A Semana da Mobilidade intensifica durante a fin de semana as actividades organizadas polo Concello de Vilagarcía

Compartir

Os xogos populares regresan ás rúas na fin de semana e a bici cobra protagonismo co paseo nocturno e o da vía verde

Os Polis Tolos volverán a actuar como pregoeiros dos actos da Semana da Mobilidade

O paseo cicloturista a noite do sábado cubrirá o percorrido habitual por beiramar Vilagarcía-Carril-Vilaxoán e, ademais do casco, os participantes deberán levar máscara

A Semana da Mobilidade intensifica durante a fin de semana as actividades organizadas polo Concello de Vilagarcía co obxectivo de continuar fomentando o uso dos medios de transporte alternativos aos de motor para mellorar a saúde e reducir a emisión de gases á atmosfera e para concienciar á poboación sobre recuperar os espazos públicos para a convivencia e o disfrute. Neste marco, os xogos populares invadirán a Rúa Conde Vallellano o sábado e o domingo, e a bicicleta cobrará protagonismo co tradicional Paseo nocturno do sábado e co percorrido cicloturista pola Vía Verde o luns.

Como xa aconteceu o xoves, día no que arrancou o programa da Semana da Mobilidade, os Polis Tolos volverán a patrullar o centro urbano o sábado pola mañá para pregoar as actividades organizadas pola Concellería de Mobilidade e para animar á xente a tomar parte nelas. E para iso, contarase cos axentes zancudos e as patrullas en triciclos xigantes.

O sábado pola tarde, a Rùa Conde Vallellano acollerá a caravana de xogos populares na que, cativos e tamén adultos poderán participar nas carreiras de sacos, circuítos de chapas ou tiralatas a desenvolver ao longo da céntrica rúa, como se facía nos tempos nos que os coches non o acaparaban todo e as xentes facían boa parte da súa vida nas rúas.

O colofón á xornada porao o Pase nocturno en bici, unha das actividades tradicionais da Semana da Mobilidade é en cuxa organización colabora o colectivo Arousa en Bici. Como todos os anos, a actividade está aberta a ciclistas de todas as idades, que terán que presentarse no Cavadelo coas súas bicis (incluso as de rodiñas para os máis cativos) para comezar o paseo que irá de Carril a Vilaxoán para rematar, de novo, no Cavadelo. A actividade comeza ás 21.00 horas e discorrerá polo carril bici, excepto polo tramo de Vilaxoán que aínda non conta coa infraestrutura que este ano gañou metros co novo tramo do Paseo de Canelas. A organización lembra que será preciso levar casco e tamén máscara. Ao remate do paseo realizarase un sorteo de produtos e utensilios para os cicloturistas.

A caravana de xogos populares regresa o domingo de 11.30 a 14.30 horas á rúa Conde Vallellano para o divertimento de toda a familia. E o luns, 20 de setembro, cicloturistas de todas as idades poderán realizar o paseo en bici pola Vía Verde, un percorrido que partirá das inmediacións do Pazo de Rubiáns ás 17.30 horas e que ten como obxectivo dar a coñecer esta atractiva senda de uso peonil e ciclista de 9 quilómetros de lonxitude.

A Semana da Mobilidade prolongarase con máis actividades ata o mércores 22 de setembro, entre elas unha novidosa intervención de urbanismo táctico a realizar pola rapazada do municipio.