10 noviembre, 2023
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou no encontro de traballo
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou na Conferencia Anual da Federación Europea de Clubs de Prensa, onde destacou o papel do xornalismo independente nos sistemas democráticos, especialmente nun contexto internacional no que as novas tecnoloxías facilitan a proliferación de desinformación e novas falsas, ameazando a estabilidade das nosas sociedades.
Gamallo tamén subliñou as iniciativas que se están a desenvolver desde a Unión Europea e desde a Xunta para responder a estes retos. Segundo o director xeral, “é vital empoderar as nosas comunidades fronte ás ameazas da desinformación”. “Para iso, as administracións públicas deben cooperar entre elas e adaptarse aos novos retos, pero tamén facer partícipe a sociedade civil, especialmente ao sector do xornalismo, que debe
ser autónomo e resiliente, engadiu.
Galicia participa na Federación Europea de Clubs de Prensa a través do Centro Internacional de Prensa de Galicia, representado na Conferencia Anual por Luis Menéndez, fundador e presidente da Asociación de Xornalistas de Santiago de ompostela. O organismo galego recibiu hoxe a presidencia da federación da man do Club de Prensa de Londres, tras cumprirse un ano da súa incorporación.
Federación Europea de Clubs de Prensa Desde a súa fundación en 1989, a Federación Europea de Clubs de Prensa dedícase a promover a coordinación entre clubs de prensa de distintos países europeos, organismos independentes e consultivos que aglutinan profesionais da comunicación. O seu obxectivo é favorecer o intercambio de experiencias e informacións, así como poñer ao servizo dos xornalistas medios que faciliten a súa labor.
Integrada por 17 membros de 12 países, a federación reúnese unha vez ao ano para debater cuestións internas e orzamentarias e admitir novos socios, así como para rotar a súa presidencia.
WhatsApp us