Contenedores.
6 octubre, 2021
A recadación prevista para este segundo semestre a través desta taxa ascende a 1.433.773,92 euros.
O período de cobro vai do 4 de outubro ao 7 de decembro na modalidade voluntaria. A partir de aí abrirase a vía de prema coa aplicación de recargo.
O padrón da taxa exponse ao público ata o 7 de decembro.
O Concello de Vilagarcía vén de abrir o período voluntario de pago da taxa Municipal de recollida de lixo correspondente ao segundo semestre do ano. O padrón componse de 23.409 recibos mediante os que está prevista a recadación de 1.433.778,92 euros. O prazo de cobro vai do 4 de outubro ao 7 de decembro. Aos contribuíntes que non abonen o cargo no período voluntario, esixiráselles o pago mediante a vía de prema, coa aplicación dos correspondentes recargos e xuros. No primeiro semestre recadouse por este mesmo concepto 1.412.153,37 euros.
Do total de recibos emitidos neste segundo semestre, un total de 18.818 están domiciliados, polo que o cobro realizarase de forma automática a través da conta bancaria sinalada, estando fixado o cargo para o día 3 de novembro. Os restantes contribuíntes poden cumprir coa obriga fiscal a través da Oficina Virtual Tributaria do Concello de Vilagarcía, ou en calquera das entidades bancarias colaboradoras (Abanca, Banco Bilbao Vizcaya, Argentaria, Pastor, Sabadell, Santander e Caixabank). Para elo, deben dispor previamente da carta de pago, (o recibo) que, en caso de non tela recibido por correo, poden obter a través da Oficina Virtual Tributaria, ou nas oficinas de Recadación do Concello.
O Servizo de Recadación informa tamén de que os contribuíntes aínda están a tempo de domiciliar os seus recibos, evitando así maiores molestias ou despistes, para o cal deben dirixirse as súas dependencias, polo menos, 15 días antes da data de cargo en conta (prevista para o 3 de novembro).
Ademais, lémbrase que para facilitar aos contribuíntes o pago de taxas e impostos municipais e que os poidan acomodar aos prazos que mellor lles conveñan, o Concello de Vilagarcía puxo en marcha este ano o Plan Personalizado de Pagos. Con el, os cidadáns poden dividir a suma total dos seus impostos e taxas municipais (IBI, lixo, saneamento, circulación), en 11, 6 ou 4 mensualidades, ou mesmo decidir abonalos nun único pago anual. A adhesión ao Plan Personalizado de Pagos pode solicitarse no Concello antes do 1 de decembro, a efectos de que se comece a aplicar a partir de xaneiro de 2022. Ás persoas que non se acollan a este plan seguirá aplicándoselle o sistema actual.
De forma paralela á apertura do prazo de cobro, o Concello tamén expón ao público o padrón do recibo do lixo, ao que se poderán recorrer ata o 7 de decembro.