Achegas da Deputación a Esperanza Salnés

Compartir

A Deputación achega 10.000 € a Esperanza Salnés para a atención terapéutica de nenos/as e adolescentes con diversidade sensorial

 

O programa atende a preto dunha vintena de usuarios e usuarias da comarca e inclúe diversas actividades de fisioterapia, logopedia, pedagoxía e psicoloxía

 

A Deputación de Pontevedra reafirma a súa colaboración coa asociación Esperanza Salnés cunha achega de 10.000 euros para a posta en marcha de 17 programas cos que proporciona atención terapéutica a nenos/as e adolescentes con diferentes tipoloxías de diversidade sensorial física e/ou intelectual. A través desta iniciativa subvencionada polo ente provincial estanse a beneficiar 17 persoas usuarias (de entre 2 e 18 anos) e familiares da comarca.

 

Os programas de intervención que compoñen o proxecto de atención terapéutica de Esperanza Salnés están pensados para proporcionar solucións efectivas, especializadas e individualizadas tanto ás persoas doentes como aos seus respectivos núcleos familiares. Así, os seus obxectivos principais consisten en favorecer a integración deste colectivo na vida escolar, social e cultural da sociedade; proporcionar actividades de dinamización e soporte que incidan nesa integración; crear unha rede social de apoio entre os usuarios do centro; previr ou minimizar o risco de escolarización en centros específicos; asesorar e apoiar aos familiares e preparar ás e aos adolescentes para a súa integración laboral. Para conseguilo, conta cun equipo formado por unha fisioterapeuta, unha pedagoga, unha psicóloga e unha logopeda.

O proxecto, que ten unha duración anual, partiu dunha valoración inicial de cada unha das e dos doentes que permitiu a elaboración dun diagnóstico do seu nivel de desenvolvemento evolutivo. Durante o proceso, cada usuario/a está a gozar dunha serie de programas terapéuticos, para os que se estableceron uns obxectivos claros baixo a premisa de atención de calidade, específica e individualizada, que contan coa intervención das profesionais do proxecto. Finalmente, e a partir do seguimento de cada un dos programas terapéuticos, procederase á realización dunha avaliación final que se reflectirá nun informe para a as familias.

 

Esperanza Salnés é unha asociación sen ánimo de lucro localizada no municipio de Cambados que traballa para acadar unha mellor calidade de vida de nenas, nenos e adolescentes con diversidade sensorial da comarca. Naceu no ano 1997, e desde aquela está a ofrecer terapias e tratamentos específicos e individualizados para as e os doentes co propósito de ofrecerlles a eles/as e as súas familias unha alternativa asistencial e unha integración plena no ámbito educativo e socio-familiar.